O Concello de Viveiro quere expresar o seu agradecemento á Presidencia da Deputación de Lugo polo apoio mostrado á rehabilitación da Praza de Abastos, un proxecto estratéxico para o municipio que permitirá avanzar na recuperación e posta en valor dun espazo clave para a actividade económica, comercial e social da vila.
A actuación conta cun orzamento global de 768.000 euros. Desa cantidade, 320.000 euros serán achegados pola Xunta de Galicia a través da liña de axudas para mercados, mentres que outros 200.000 euros, pendentes de resolución, serán aportados polo GALP. Ademais, a Deputación de Lugo completará o financiamento restante cunha achega de 248.000 euros mediante a sinatura dun convenio.
Desde o Concello valórase de xeito moi positivo este compromiso institucional que permitirá dar un impulso decisivo a unha actuación prioritaria para Viveiro. Neste sentido, o goberno local quere poñer en valor o traballo desenvolvido pola alcaldesa Mariña Gueimunde, que mantivo varias reunións tanto coa Vicepresidencia como coa Presidencia da Deputación para trasladar a importancia de apoiar un proxecto considerado fundamental para o municipio. Tras esas xestións, foi a Presidencia da Deputación a que respondeu ás necesidades do Concello para completar o financiamento dunha inversión estratéxica para Viveiro.
O Concello subliña que esta colaboración entre administracións resulta esencial para facer realidade actuacións desta envergadura, chamadas a mellorar os servizos, reforzar a actividade económica e contribuír á revitalización dun espazo de grande valor para a veciñanza.
O Concello de Viveiro reafirma tamén a súa vontade de seguir traballando para sacar adiante proxectos estratéxicos para o municipio e destaca a importancia de sumar esforzos e vontade institucional para responder ás necesidades da veciñanza.
