Dous irmáns aceptaron este venres na Audiencia Provincial de Lugo unha condena de seis meses de prisión, ademais dunha multa de 630 euros, por cometer unha agresión homófoba nun local de copas en Viveiro. Ambos recoñeceron ser culpables de delitos contra os dereitos fundamentais, contra a integridade moral e de lesións, o que permitiu reducir a pena desde os dous anos que se solicitaban inicialmente.
Os feitos remóntanse a outubro de 2023, cando os acusados increparon á vítima nun bar mentres esta acompañaba a dúas amigas. Tras reprocharlles a súa actitude, os irmáns comezaron a proferir insultos como «es un puto maricón» ou «querémoste ver morto por maricón». Media hora despois, fóra do local, agrediron fisicamente ao home con golpes e puñadas, chegando a romperlle a roupa e a darlle unha dentada nun dedo. A vítima perdeu a consciencia e tivo que ser trasladada en ambulancia ao centro de saúde de Viveiro e, posteriormente, ao hospital de Burela.
As partes —Fiscalía, acusación particular e defensas— chegaron a un acordo previo ao xuízo que permitirá aos condenados evitar a entrada en prisión. A execución da pena quedou suspendida coa condición de que non delincan nos próximos tres anos e paguen a totalidade da indemnización, que ascende a 4.000 euros. O pago realizarase de forma fraccionada: mil euros o vindeiro mes e o resto en cotas mensuais de 150 euros.
Ademais da compensación económica, os dous homes deberán abonar ao Sergas 361,59 euros pola asistencia médica prestada. A sentenza tamén inclúe unha orde de afastamento de 500 metros sobre a vítima durante tres anos e a retirada do permiso de armas polo mesmo período de tempo.
