O BNG de Viveiro denuncia a grave situación na que se atopa o Centro de Información á Muller (CIM) do municipio, que na actualidade carece de persoal técnico esencial para o seu funcionamento, concretamente de asesoramento xurídico e apoio psicolóxico.
Desde o Bloque sinalan que esta situación deixa nunha posición de especial vulnerabilidade ás mulleres de Viveiro e da contorna que precisan atención, asesoramento e acompañamento nun servizo fundamental, especialmente en casos de violencia machista.
No que respecta á praza de avogada, lembran que permanece sen cubrir debido a unha ausencia prolongada, unha circunstancia que permitiría a súa cobertura temporal segundo a normativa vixente. Porén, o Goberno municipal non adoptou ningunha medida para garantir a continuidade do servizo.
En relación á praza de psicoloxía, o BNG denuncia que as pesar de ir na oferta deste ano, poden pasar meses ata a súa cobertura, agravando aínda máis a situación do CIM.
A portavoz do BNG de Viveiro, Iria Cotelo, é clara ao respecto: “Estamos ante unha situación absolutamente inaceptable. O Goberno local non pode permitir que un servizo esencial como o CIM estea sen persoal e, na práctica, sen capacidade de resposta”.
Cotelo engade que “hai ferramentas legais para cubrir de maneira temporal a praza de avogada e non se está facendo nada, mentres que no caso da praza de psicoloxía nin sequera se iniciou o proceso. Isto é unha falta de responsabilidade evidente por parte do Goberno local”.
“O CIM é un servizo clave para moitas mulleres, especialmente en situacións de vulnerabilidade. Deixar este recurso sen profesionais é, na práctica, deixalas desatendidas”, conclúe.
O BNG de Viveiro reclama ao Goberno local a cobertura inmediata e temporal da praza de avogada, para restituír a atención xurídica. Tamén a convocatoria urxente da praza de psicóloga, co fin de garantir o servizo de apoio psicolóxico.
A formación nacionalista reitera a necesidade de actuar con urxencia para restituír o funcionamento do CIM, e reafirma o seu compromiso coa igualdade e coa defensa duns servizos públicos de calidade.
