InicioOccidentalViveiroO BNG de Viveiro denuncia que a sinalización "confusa" na vila está...

O BNG de Viveiro denuncia que a sinalización “confusa” na vila está traendo sancións á veciñanza

A portavoz do BNG de Viveiro, Iria Cotelo, sinala que "estamos ante un caso evidente de falta de coordinación na sinalización, que está a prexudicar directamente á veciñanza"

Publicada o

- Advertisement -

O BNG de Viveiro alerta á veciñanza da situación de confusión que se está a producir na Praza de Lannion debido á existencia, desde hai unhas semanas, dunha sinalización contraditoria nas prazas de aparcamento que está a derivar en sancións.

Segundo o BNG viveirense, nun lateral da praza conviven espazos pintados en amarelo, tradicionalmente reservados de 07:30 a 15:30 horas, con espazos pintados en azul correspondentes á zona ORA. “Cómpre lembrar que estas prazas reservadas existen para dar servizo ao xulgado, cuxo garaxe permanece na práctica inutilizado ao estar a ser empregado como almacén”. 

O grupo local do BNG lembra tamén que hai unhas semanas se instalou unha nova sinalización vertical que “indica como reservadas tamén as prazas contiguas que continúan pintadas en azul, sen que se modificase a sinalización horizontal”.

A situación, explican desde o Bloque de Viveiro, está a provocar que a veciñanza estacione nos lugares azuis por costume e sen reparar no sinal vertical, facendo uso normal do sistema ORA. “A pesar de sacar o ticket correspondente, están a ser sancionados ao considerarse esas prazas como reservadas, con multas de ata 80 euros”. Do mesmo xeito, tamén se están a rexistrar sancións nas prazas amarelas a partir das 15:00 horas por non dispoñer de ticket ORA, o que incrementa aínda máis a confusión.

A portavoz do BNG de Viveiro, Iria Cotelo, sinala que “estamos ante un caso evidente de falta de coordinación na sinalización, que está a prexudicar directamente á veciñanza”.

Cotelo engade que “non é admisible que se manteñan marcas viarias que indican unha cousa mentres a sinalización vertical di outra distinta. Esta contradición só xera inseguridade e indefensión”.

 

 

 

ÚLTIMAS