InicioOccidentalViveiroO Santo Enterro puxo o colofón a un Venres Santo de gran...

O Santo Enterro puxo o colofón a un Venres Santo de gran participación en Viveiro

«A Semana Santa é unha das grandes expresións do que somos como vila, e días coma hoxe amosan a forza dunha tradición que se mantén viva grazas ao compromiso de moitísimas persoas», afirmou a alcaldesa Mariña Gueimunde

Publicada o

- Advertisement -

A procesión do Santo Enterro puxo este Venres Santo o colofón a unha das xornadas centrais da Semana Santa de Viveiro. O día estivo marcado pola elevada participación, a afluencia de público e o ambiente de recollemento e solemnidade que acompañou os principais actos celebrados na vila. A cita contou coa presenza de José López Campos, conselleiro de Cultura; María José Gómez, conselleira do Medio Rural; Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro; e Javier Arias, delegado territorial da Xunta en Lugo; e Fran Cajoto, deputado provincial.

A procesión do Santo Enterro foi organizada pola Ilustre y Venerable Cofradía del Santísimo Rosario e tivo a saída da igrexa de Santa María. Na súa condición de procesión oficial do Concello, converteuse nun dos momentos máis solemnes e representativos da Semana Santa viveirense, xa que ofreceu unha imaxe de grande forza emocional ao seu paso polas rúas do centro histórico. O desenvolvemento do cortexo e o seguimento por parte da veciñanza e dos visitantes confirmaron a capacidade desta celebración para reunir fe, tradición, patrimonio e proxección exterior nunha mesma xornada.

Mariña Gueimunde subliñou que «o Santo Enterro volveu deixar unha imaxe extraordinaria de Viveiro, unha vila entregada a unha das súas celebracións máis fondas e emblemáticas». A alcaldesa engadiu que «foi o colofón a un Venres Santo vivido con enorme intensidade, cunha grande resposta de público e coa solemnidade que distingue a nosa Semana Santa e a converte nunha referencia dentro e fóra de Galicia».

O Concello puxo tamén en valor o traballo da Xunta de Cofradías, das confrarías e irmandades e de todas as persoas que fan posible o desenvolvemento da Semana Santa, así como a coordinación dos dispositivos que contribúen ao bo funcionamento dunha xornada de especial relevancia para a vila. «Detrás de cada acto hai moitísimo esforzo, dedicación e amor por Viveiro. E iso nótase no resultado final e tamén na imaxe que ofrecemos a quen nos visita», sinalou a rexedora.

O Venres Santo comezou coa procesión do Encontro ás 10.00 horas e continuou ao mediodía coa celebración extraordinaria do Sermón das Sete Palabras na Praza Maior, organizada pola Real Hermandad de las Siete Palabras con motivo do seu 75 aniversario fundacional. Xa pola tarde celebrouse o Descendemento ou Desencravo no adro de Santa María, antes da saída do Santo Enterro. A xornada completouse pola noite coa Procesión da Paixón desde San Francisco, o Sermón da Soidade e a procesión da Soidade, coñecida tamén como «Dos Caladiños».

Desde o Goberno local destácase que Viveiro volveu ofrecer este Venres Santo a mellor imaxe dunha celebración declarada Festa de Interese Turístico Internacional desde 2013, capaz de combinar devoción, valor cultural e unha fonda identidade colectiva. «A Semana Santa é unha das grandes expresións do que somos como vila, e días coma hoxe amosan a forza dunha tradición que se mantén viva grazas ao compromiso de moitísimas persoas», afirmou Mariña Gueimunde.

ÚLTIMAS

Burela acolle cursos formativos para persoas estranxeiras e a preparación de probas oficiais

Burela acollerá dous cursos formativos dirixidos a persoas estranxeiras, organizados por Ecos do Sur....

ACISA integra hoxe os negocios da Praza de Abastos logo do acordo entre patronal local e Asociación de Praceiros

Acisa integra dende hoxe á Praza de Abastos de Ribadeo, tras a sinatura do...

O comité de empresa de Alcoa reclama unha reunión co Goberno ante a situación do sector do aluminio

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, en Cervo, pide unha reunión...

Conferencia ‘A cova de San Xoán Vello: novas achegas desde a arqueoloxía’ en Viveiro

Mariña Patrimonio organiza para o vindeiro mércores 22 de abril, ás 20:00 horas, na...