InicioDeportesÓscar Lara: "Viveiro é unha excepción en rugby por ser mozas a...

Óscar Lara: “Viveiro é unha excepción en rugby por ser mozas a metade das fichas deportivas”

Óscar Lara é director deportivo do Club de Rugby Astérix de Viveiro. Falamos con el sobre a creación do Torneo M17 para animar a nenos e nenas a practicar este deporte

Publicada o

- Advertisement -

-Que é o Torneo M17 e por que se presenta en Viveiro?

En rugby todas as categorías son mixtas até a M18, cando pasan a senior. Mais chegados aos 14 anos prodúcense cambios no seu desenvolvemento, máis por características físicas de cada quen que por cuestión de xénero. En M18 practicamente no hai xogadoras femininas. Daquela, buscamos evitar o abandono do rugby feminino, porque chega un momento onde faltan xogadoras e as poucas que quedan participan moi pouco. Desta maneira, a Federación Española propuxo á Galega facer unha Liga de Rugby Feminino M17. Esta liga, para adaptala á realidade de fichas femininas que temos, vaise xogar 10 contra 10 en vez de 15 contra 15 que é o estándar o habitual.

-Por que se adoptou esta aliñación entre os equipos?

Este ano facémolo para ver como funciona e será con dous equipos, un dos equipos do norte e outro dos equipos do sur. Mais a idea é que para o ano 2027 cada equipo inscriba as súas xogadoras ou se xunten con outros equipos para crear as súas escuadras. Nós intentamos desde a Unión do Norte crear un equipo con Muralla de Lugo, Fendetestas das Pontes e Capóns de Vilalba, mais desta vez non puido ser. En tal caso,o día 18 de abril, cando se celebren os encontros será un formato de liga.

-Con todo, en Viveiro cóntase cun equipo própio o ‘Astérix’.

Si, o Astérix de Viveiro e a Escola de Rugby Astérix de Viveiro. O caso é que aquí contamos coa sorte de termos moitas nenas inscritas, prácticamente o 50% das fichas, mais é unha excepción dentro do rugby galego, o normal é que a porcentaxe sexa moito máis baixa. Para competir na liga da Federación quixemos crear como unha “UTE” entre a Unión do Norte Rugby cos outros equipos da contorna para xuntar nenos suficientes e así estar en condicións de igualdade cos equipos das grandes cidades. Os equipos da Coruña e Vigo teñen xogadores suficientes por cuestión de poboación, logo están Ourense, Ferrol e Santiago.

-Como foron os inicios do rugby en Viveiro?

A finais dos anos 80 existía un equipo de rugby senior que durou tres ou catro anos. Así, pensando un pouco naquel primeiro equipo, puxemos en marcha esta escola de rugby pensando nos nenos nada máis, respectamos o nome de Astérix que así se chamaba o anterior equipo. O noso desexo era fomentar o rugby base e feminino e no da integración. Con este último, tivemos unhas xornadas cos nenos de ASPANANE e de Camiña Burela, mais non temos unha rutina de adestramento con eles e ese é o noso obxectivo para o 2027.

-Significa que se consolidou unha canteira e un equipo de rugby en Viveiro?

Hai anos mellores ca outros. A pandemia foi unha crise para todos os deportes pois causou moitas baixas de fichas. Aínda así, mantivemos o número de fichas durante estes últimos anos, aumentamos o seu número estes últimos tempos. Tampouco podemos permitirnos aumentar máis o número de fichas porque a capacidade de adestradores que temos é limitada. Sempre é benvido quen queira participar mais os nenos necesitan de moita atención. Nestes momentos quen ten coñecementos de rugby amateur son eu e os demais adestradores son persoas con títulación, moitos son pais voluntarios e grazas a eles e ás familias podemos sacar isto adiante.

-Como animades á xente nova para practicar rugby?

Existen dúas desvantaxes: o clima e logo que os equipos son de 15 xogadores e ás veces é difícil conseguir ese número de persoas. A grande vantaxe é a igualdade entre nenos e nenas, que até os 14 anos non é competitivo, fanse partidos entre escolas mais non é unha competencia como tal. Buscamos o desenvolvemento dos deportistas e integramos a todas as persoas que se achegan aquí.

ÚLTIMAS

Burela acolle cursos formativos para persoas estranxeiras e a preparación de probas oficiais

Burela acollerá dous cursos formativos dirixidos a persoas estranxeiras, organizados por Ecos do Sur....

ACISA integra hoxe os negocios da Praza de Abastos logo do acordo entre patronal local e Asociación de Praceiros

Acisa integra dende hoxe á Praza de Abastos de Ribadeo, tras a sinatura do...

O comité de empresa de Alcoa reclama unha reunión co Goberno ante a situación do sector do aluminio

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, en Cervo, pide unha reunión...

Conferencia ‘A cova de San Xoán Vello: novas achegas desde a arqueoloxía’ en Viveiro

Mariña Patrimonio organiza para o vindeiro mércores 22 de abril, ás 20:00 horas, na...