O BNG de Viveiro manifestou o seu rexeitamento á proposta do goberno local de Viveiro para implantar unha taxa de 120,72 euros pola celebración de matrimonios civís, cualificándoa de “desproporcionada e inxustificada”. Desde o grupo nacionalista sinalan que a estimación de custos presentada polo goberno local “non se axusta á realidade”.
“Os concelleiros e concelleiras non supoñemos ningún custo para o concello, xa que celebramos as vodas de maneira totalmente desinteresada, sen percibir retribución algunha”, explica a portavoz municipal Iria Cotelo. Neste sentido, critican que o cálculo da taxa se basee no tempo dedicado á cerimonia tomando como referencia o soldo bruto da alcaldía. Así mesmo, o BNG cuestiona outros conceptos incluídos na proposta, como os supostos gastos de conserxería e administrativos.
Segundo indican os concelleiros do BNG, son os propios edís quen se encargan da apertura e peche das instalacións cando as cerimonias se celebran en fin de semana e en dependencias municipais, mentres que o persoal administrativo realiza a tramitación dos expedientes dentro da súa xornada ordinaria de traballo. O grupo nacionalista lembra que, aínda que os concellos teñen a posibilidade de establecer taxas por este tipo de servizos, non existe ningunha obriga legal de facelo, e son poucos os municipios que aplican este cobro.
Neste contexto, consideran que a recadación que podería obter o Concello de Viveiro sería pouco relevante para as arcas municipais, mentres que si suporía un prexuízo económico para as parellas que desexan contraer matrimonio civil. Por todo iso, o BNG propón a exención desta taxa, defendendo que o acceso ao matrimonio civil debe garantirse en condicións de igualdade e sen cargas económicas engadidas.
