O sábado 28 de febreiro, celebrarase, ás 19 h, na Biblioteca Pública de Viveiro, a presentación de “Literatura insólita”, de Armando Requeixo.
Acompañando o autor, estarán Xoán Neira, escritor e profesor; e Carlos Nuevo Cal, ensaísta e cronista oficial de Viveiro.
Editorial Galaxia vén de publicar “Literatura insólita”, un volume no que Armando Requeixo reúne unha ampla selección de artigos dedicados a explorar o lado máis curioso, sorprendente e misterioso da creación literaria.
Unha viaxe polas rarezas e misterios da literatura que percorre costumes e manías de escritores, profesións paralelas, precocidades e lonxevidades literarias, mortes novelescas, traizóns póstumas, títulos singulares, linguas insólitas, dedicatorias únicas ou volumes prohibidos.
Ao longo das súas páxinas tamén se abordan temas como illas e reinos fabulados, o xadrez, os cemiterios, os trens, o humor, a medicina, as invasións, os naufraxios, as matemáticas, o deporte, os templarios, os cabalos, os paraugas ou a intelixencia artificial.
Un libro que se converte nun convite para mergullarse no lado oculto e marabilloso da literatura.
Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971) é crítico literario, secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e profesor da USC. Coordinador de Publicacións e Actividades da Casa Museo Álvaro Cunqueiro, responsabilizouse de numerosas edicións e estudos de autores galegos dos séculos XX e XXI, ademais de escribir monografías sobre Ánxel Fole, Xosé Díaz Jácome, Xosé María Díaz Castro e Álvaro Cunqueiro, entre outros.
Como crítico literario asinou colaboracións en cabeceiras de Galicia e de fóra desta, e exerce como comentarista nos xornais Faro de Vigo, La Opinión, El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños.
