A conselleira de Vivenda e Infraestruturas, María M. Allegue, comprometeu que “nesta lexislatura estará iniciada” a variante de Viveiro que cando se proxectou, hai máis de 20 anos, estaba concibida como unha vía de alta capacidade.
Indicouno no pleno do Parlamento, a preguntas dos deputados do BNG e do PSdeG Daniel Castro e Lara Méndez, respectivamente.
O nacionalista Daniel Castro denunciou que non cre “que sexa casualidade que en sete meses” de goberno do PP no Concello de Viveiro “de súpeto soluciónase” a situación “e é unha vía que se converte na estrada convencional”.
Lembrou que a vía a ía a facer “primeiro Aznar, despois Fraga e agora é unha estrada convencional que vai facer Rueda”. “Como din os veciños de Viveiro: en que vai acabar isto? Nun carreiro?”, ironizou.
Pola súa banda, a socialista Lara Méndez acusou ao titular da Xunta, Alfonso Rueda, de “renunciar” á vía de alta capacidade, e por tanto “a unha mobilidade real” na zona.
Na súa quenda, a conselleira instou á oposición a que “non se equivoque”, á vez que resaltou que o Executivo galego “ten moi clara a súa folla de ruta” en materia de infraestruturas, que dixo aplicar “con rigor e sentidiño”.
“Non esquecemos nin por un minuto á Mariña lucense”, avisou, antes de sinalar algunhas actuacións –e partidas– para conectar a comarca coa de Ortegal e Ferrolterra.
“Aínda que lle pese, por suposto que realizaremos a variante de Viveiro, cando sexa viable tecnicamente, tendo en conta a orografía do terreo, moi accidentada, e tamén medioambientalmente, porque hai un forte impacto”, sinalou.
Así, indicou que “unha vez baralladas todas as alternativas que hai e que houbo” existe na actualidade unha para “unha variante funcional”.
A “primeira fase” corresponderase coa “parte máis primordial”, no leste, e constará de 6,2 quilómetros nos que está previsto investir 38 millóns de euros, segundo adiantou Allegue. “Se lle parece pouco, menos mal que non están a gobernar vostedes, porque isto é unha tomadura de pelo”, espetou a conselleira.
A actuación “primordial”, segundo engadiu, “é retirar todo o tráfico que discorre polo concello, diminuír o ruído e a contaminación cunha alternativa que sexa viable” e que a responsable de Infraestruturas atribuíu á elaboración por parte de “enxeñeiros” e “expertos”.
“UN ANTES E UN DESPOIS”
No peche, María M. Allegue agregou que esta variante “vai supor un antes e un despois” para o municipio e para a comarca e que terá dous tramos, o oeste que terminará en Celeiro. “Funcionalmente é o necesario”, concluíu, antes de adiantar que en “os próximos meses” a Xunta licitará a redacción do proxecto construtivo e someterao a avaliación de impacto ambiental.
“Nesta lexislatura estará iniciada esa variante” que cualificou en varias ocasións de “actuación viable”, antes de asegurar que non ten “problema en recibir a todo o mundo”, tanto á alcaldesa actual como á anterior –do PSOE–.
