O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Daniel Castro, presentou no Parlamento de Galicia unha iniciativa instando á Consellería de Educación a incrementar de forma inmediata o persoal especializado de Audición e Linguaxe e Pedagoxía Terapéutica no CEIP Plurilingüe de Covas, en Viveiro.
Castro salientou que, a pesar de que o centro conta con 154 alumnos e alumnas, a dotación de profesionais especializados é “totalmente insuficiente” e vén agravándose desde cursos anteriores. Ademais, denunciou que a Xunta nomeou á Pedagoga Terapéutica como directora do centro, cunha dedicación de só 7 horas semanais, sen cubrir esa ausencia con ningún outro profesional.
“Non se trata de mellorar un ápice a situación, senón de evitar que siga empeorando”, sinalou o deputado, quen lembrou que as familias levan oito venres consecutivos concentrándose ás portas do colexio baixo o lema “Venres Negros”.
A iniciativa do BNG reclama, en concreto, a incorporación dunha profesional de AL a tempo completo e unha profesional de PT a media xornada, destinada a cubrir as horas de dirección que actualmente asume a pedagoga terapéutica. “Non é unha petición utópica, é o mínimo necesario para garantir unha educación digna”, insistiu Castro.
O deputado criticou tamén o silencio da Administración ante as peticións da ANPA, que leva máis de 100 días sen obter resposta, e cuestionou a validez do catálogo xeral de dotacións que emprega a Xunta, ao considerar que “non se axusta á realidade dun centro con elevados índices de alumnado con necesidades específicas, en risco de exclusión e con absentismo crónico”.
“O que estamos a vivir en Covas é o resultado de anos de abandono político. Mentres o Goberno do PP fai vista gorda, as familias e o profesorado seguen loitando en solitario”, concluíu Daniel Castro, quen anunciou que seguirá a presionar desde o Parlamento para revertir esta situación.
