InicioOccidentalViveiroViveiro en Fitur 2026: reforzo da imaxe como destino de turismo sostible

Viveiro en Fitur 2026: reforzo da imaxe como destino de turismo sostible

Manteranse reunións con empresas e operadores e segueranse as presentacións da Xunta, da Deputación de Lugo e da Mancomunidade da Mariña para impulsar a visibilidade do destino

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Viveiro participa desde onte en FITUR 2026, a Feira Internacional de Turismo que se celebra en IFEMA Madrid ata o 25 de xaneiro. A axenda estará centrada na captación de oportunidades e na mellora da proxección exterior do municipio como destino turístico de calidade.

Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, explicou que a presenza do Concello na feira responde a un obxectivo claro: «Coñecer as novidades do sector, poñer en valor os recursos propios e abrir vías de contacto con empresas, operadores e potenciais investidores que poidan contribuír a consolidar Viveiro como un destino sostible e competitivo». A rexedora sinalou tamén a importancia de «contrastar como se está proxectando Viveiro fóra e, se é necesario, reclamar unha maior visibilidade acorde co seu potencial e coa súa relevancia na comarca e na provincia».

No marco da feira, Viveiro segue tamén as accións promovidas polas institucións ás que pertence e coas que colabora en materia turística. FITUR inclúe unha programación ampla no stand de Galicia e actos específicos da provincia de Lugo e da Mancomunidade de Concellos da Mariña, con presenza e espazo informativo propio no recinto feiral.

Entre as liñas de traballo destacadas polo Concello de Viveiro figura o reforzo dos produtos turísticos vinculados á identidade local e á desestacionalización, así como a procura de novos operadores. Neste sentido, Viveiro pon en valor a Semana Santa, recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional, e a súa participación en iniciativas de cooperación como a Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua.

A presenza en FITUR serve tamén para afondar en ámbitos con capacidade de crecemento, como o turismo deportivo e o turismo náutico. Viveiro conta cun porto deportivo con 235 amarres e condicións orientadas á actividade de lecer na ría, e co porto de Celeiro como activo estratéxico, tanto polo seu peso pesqueiro como polo valor turístico asociado ao produto e á gastronomía.

Mariña Gueimunde subliñou que «o traballo en FITUR ten sentido cando se traduce en relacións estables e en resultados para o noso concello. É dicir, máis visibilidade, máis colaboración e máis oportunidades para o tecido local, desde a hostalaría e o comercio ata a oferta cultural e deportiva».

ÚLTIMAS

Cervo reforza a coordinación para garantir a seguridade en citas do verán

  O Concello de Cervo acolleu este luns a reunión da Xunta Local de Seguridade,...

O Bal y Gay ofrece este 2026 a súa edición máis ambiciosa consolidando A Mariña como referente da música clásica

A rolda de prensa para a presentación da nova edición do Festival Bal y...

Morre un home nun accidente de tráfico en Trababa por unha saída de vía

Un home de 64 anos faleceu nun accidente de tráfico no municipio lucense de...