InicioOccidentalViveiroII Festa do Entroido organizada pola Comisión Viveiro en Festas

II Festa do Entroido organizada pola Comisión Viveiro en Festas

Desde a Comisión Viveiro en Festas lembran que “a primeira edición da Festa do Antroido foi todo un éxito de asistencia, con máis de 330 persoas asistentes á cea e unha gran cantidade de persoas que se achegaron despois”

Publicada o

- Advertisement -

A Comisión Viveiro en Festas celebrará o vindeiro luns, 16 de febreiro, a segunda edición da súa Festa do Antroido, unha cita que terá lugar nunha carpa instalada en Lodeiro, xunto ao Centro de Saúde.

O evento constará de dúas partes. A primeira é a cea dun cocido tradicional, cun prezo de 40 euros por persoa. A segunda parte, ao remate da mesma, será un baile cunha entrada que terá un custo de 6 euros, incluíndo consumición, para as persoas que non asistan á cea.

Os tickets para a cea poderán adquirirse a través do WhatsApp (número 614191962) ou un formulario publicado nas redes sociais de Facebook e Instagram, canles nas que se facilitarán as indicacións necesarias para a retirada das entradas correspondentes, que deberá realizarse antes do 8 de febreiro. As entradas tamén se poderán retirar de forma presencial os días 23 e 30 de xaneiro, así como o venres 6 de febreiro na Praza Maior.

A xornada estará amenizada con música en directo antes e despois da cea, ademais dun DJ que porá ritmo ata o peche da festa. Abriranse as portas contra as 20 horas, con música a cargo do Dúo Estrellas ata servir a cea. Ao remate da cea volverá ofrecer outro pase o Dúo Estrellas e continuará Disco Móbil Olympo ata o remate do evento.

Como xa sucedeu na primeira edición, celebrarase tamén un concurso de disfraces, con premios nas categorías individual, parellas e grupos. As inscricións realizaranse na previa da cea e o xurado fará público o seu veredicto durante o postre. Así mesmo, haberá sorteos entre os comensais.

A carpa abrirá as súas portas ás 0:00 horas ao público, cunha entrada de 6 euros, para que todo aquel que queira asistir á festa sen degustar o cocido poida incorporarse e gozar do evento ata o remate.

Desde a Comisión Viveiro en Festas lembran que “a primeira edición da Festa do Antroido foi todo un éxito de asistencia, con máis de 330 persoas asistentes á cea e unha gran cantidade de persoas que se achegaron despois” e agardan “repetir esa boa acollida, continuando así coa súa aposta por poñer en valor o Entroido en Viveiro a través deste tipo de iniciativas festivas e participativas”.

Os organizadores indican que “o ano pasado sorprendeunos a cantidade de xente de todas as idades que asistiu. Moitas das persoas maiores manifestáronnos que botaban de menos un baile destas características, como se realizaba antes no Casino, polo que agardamos que repitan e que se sume máis xente. O entroido é unha festa interxeracional para pasalo ben, sen importar a idade, por iso animamos a todo Viveiro a que nos acompañe”.

ÚLTIMAS

“Desleixo extremo” e risco para a seguridade na residencia de Mondoñedo xestionada por Mensajeros de la Paz

O sindicato CCOO sinala nun comunicado que o persoal e familiares da residencia de maiores de...

Fundación Expomar e Xunta de Galicia renovan vías de colaboración para impulsar iniciativas de promoción

A Fundación levará a cabo diferentes accións de promoción, divulgación e dinamización do sector...

Ribadeo celebrará o Entroido repartindo máis de 6.000 euros en premios no desfile do 17 febreiro

A concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz, explica que “vimos de presentar o...

Ribadeo reclama ao Goberno o segundo acceso á A-8 e a iluminación das rotondas

O Concello demándalle ao Goberno do Estado melloras en diversas infraestruturas e reivindica unha...