O BNG de Viveiro votou en contra dos orzamentos municipais para 2026 presentados polo goberno local ao considerar que se trata duns orzamentos sen proxecto político, sen planificación e que “incumpren compromisos adquiridos coa veciñanza”.
Desde o Bloque recoñeceb o esforzo técnico do persoal municipal por traer os orzamentos en tempo e forma, tal e como fora solicitado. Porén, a nivel político, os documentos presentados son os orzamentos dos incumprimentos, da improvisación e da falta total de xestión.
Segundo os nacionalistas, non aparece consignación para actuacións fundamentais como o abastecemento e saneamento, a reforma da Praza de Abastos ou a captación de empresas.”Tampouco figuran os máis de 370.000 euros comprometidos polo Partido Popular para o Conservatorio, unha partida clave que permitiría, entre outras cousas, reducir os atrasos no pagamento ao persoal e avanzar noutros proxectos estratéxicos para o concello”.
Por outra banda, tamén sinalan que os orzamentos carecen de proxectos propios definidos, “non contan con convenios asinados nin cunha folla de ruta clara”. Os poucos investimentos son herdados do goberno anterior e aínda pendentes de executar, como o saneamento nas Aceñas
Ademais, para o BNG o Partido Popular volve apostar polas subvencións nominativas “a dedo”, excluíndo entidades do tecido asociativo sen criterios claros nin concorrencia competitiva. Hai asociacións que dinamizan o concello durante todo o ano que quedan sen apoio económico, mentres o goberno municipal non dubida en apropiarse das súas actividades como se fosen programación municipal propia.
O BNG tamén denuncia o malgasto de fondos públicos, como o feito de pagar dúas veces por unha auditoría de servizos enerxéticos xa existente, nun uso irresponsable do diñeiro de todos e todas que require explicacións e responsabilidades políticas.
Para o BNG tamén é unha “cuestión especialmente grave o pleno no que se debateron e votaron os orzamentos, que se desenvolveu sen gravación nin emisión á veciñanza, rompendo coa práctica habitual de transparencia”. Denuncian que a sesión foi improvisada na sala de Xuntas, cando existían alternativas como o Conservatorio ou o Teatro, xa utilizados noutras ocasións. “As condicións foron tan lamentables que os propios concelleiros nin sequera podiamos vernos as caras, sentados dándonos as costas uns a outros, amontoados e sen as mínimas garantías para un debate democrático e público” criticou Cotelo.
