InicioOccidentalViveiroMariña Gueimunde: "Síntome apoiada pola xente de Viveiro porque ve que traballamos"

Mariña Gueimunde: “Síntome apoiada pola xente de Viveiro porque ve que traballamos”

O PXOM de Viveiro podería recibir un impulso nas vindeiras semanas, así o cre a alcaldesa Mariña Gueimunde quen ve con esta noticia "que se están facendo ben as cousas". O informe da fase ambiental espera a súa aprobación e iso sería un paso de cara materializar o PXOM. Por outra parte, Gueimunde remarca que é "sensible" co problema arredor do centro de saúde da vila mais "non participarei nunha manifestación politizada" en referencia ás concentracións que se celebran na praza do Concello. En tal caso, manifesta terse reunido xa tanto co conselleiro de Sanidade como co xerente da Área Sanitaria para buscar unha solución á falta de médicos.

Publicada o

- Advertisement -

-Como afronta estas semanas previas para presentar a fase ambiental do PXOM?

Estamos esperando recibir esa memoria que serve para demostrar como, efectivamente, estamos facendo ben as cousas. Isto faise dialogando, consensuando, tendo moitas xornadas de traballo, traballo que non había aquí porque non había coordinación desde a cúpula BNG-PSOE. Ao final, os técnicos responden se os tes organizados e coordinados e chamando as administracións que teñamos que chamar para conseguir esa memoria ambiental e continuar co trámite de urbanismo. Así poderemos levalo a pleno para ver se conseguimos unha aprobación provisional que sería un avance importantísimo de cara o PXOM de Viveiro.

-Nerviosa ante a posibilidade de ter o PXOM antes de finalizar o mandato?

Nerviosa non, estaría encantada de que así fose. Esperemos non ter atrancos pois unha cousa son os trámites administrativos e outra os obstáculos que haxa no camiño, por exemplo, as alegacións ou se alguén pon impedimentos. Desde o goberno do PP imos facer todo o posible pola nosa parte, logo esperamos que a cidadanía o reciba como o temos que recibir. Sabemos de antemán que non é un plan perfecto mais si un plan do que non podemos prescindir, logo haberá modificacións puntuais mais é preferible ter non o mellor plan, mais si telo e non ter nada. Iso paralizaría o desenvolvemento industrial e económico de Viveiro, non podemos seguir máis tempo así.

-Sobre desenvolvemento industrial hai pouco tivo unha reunión onde se falou en abrir solo industrial. Que respostas tivo sobre este punto?

Tivemos unha reunión co XESTUR para impulsar bolsas ou microbolsas para diversas posibilidades de desenvolver algún tipo de industria, mesmo en terreo rústico, algunhas en terreos pequenos. É dicir, hai posibilidades fóra mesmo do noso polígono. Nese espazo estivemos o pasado xoves con algunha destas empresas que están materializando avances no interese por esas parcelas. Nesa reunión co XESTUR falamos sobre a superficie das parcelas para ver a maneira de unir ou segregar espazos para adaptalos mellor ás necesidades de cada iniciativa. Por tanto, queremos responder ás diferentes demandas existentes por parte do empresariado.

-Dito isto, cal é a valoración que fai do transcorrido neste 2025 no aspecto económico, desde o turismo até comercio?

Sobre turismo diría que estamos no punto máis alto. Este 2025 foi tan importante para nós que ao mellor debemos tomar algunha determinación de cara a aspectos como taxa turística, saber se é necesaria ou non e así podemos adiantarnos ao que pode acontecer. Xa digo que este ano foi un éxito e, por outra parte, prevese que o 2026 sexa mellor, sobre todo con eses anuncios de grupos para o Resu, tamén os intereses dalgúns empresarios que buscan ocupar espazos para desenvolver as súas actividades, todo iso demostra que imos polo bo camiño.

-A día de hoxe pode garantirse que a salubridade da auga no Landro está garantida despois das verteduras detectadas hai un tempo?

A salubridade da auga no Landro estivo garantida sempre. Desde o minuto un estivemos sobre o problema en Landrove, non noutra parte, o PSOE queixouse mais ninguén se achegou alí para ver o que estaba sucedendo. Iso é o que se debe facer e non preguntar tres meses despois. En vez de saber se o problema se estaba solucionando e se se estaba traballando, piden unha xunta de portavoces e despois un pleno extraordinario. Resulta que cando dou a xunta de portavoces, porque segundo a secretaría do Concello o pleno extraordinario non tiña cabida. Aínda máis, non fixeron nin unha soa pregunta no pleno, o único que afirma o PSOE é que non se fixo unha xunta de portavoces, aínda así, non son capaces de facer unha pregunta, por que?, porque as cousas se fixeron ben e hai que seguir enredando. Sobre o BNG, pois non son os máis apropiados para falar de medioambiente. Tiveron esa concellaría e por tanto: como é posible que se poidan sentar e preguntar “como sería se a cousa fose a peor”? Pois habería que buscar unha fórmula para minimizar os efectos. Non preguntaron sobre que pasou e como se actuou. Pois actuouse ben e iso é o que lle molesta ao BNG. En todo caso, se queren responsabilidades, como nos preguntan a nós sobre medidas para evitar verteduras coma esta? A granxa de onde procedían as verteduras estaba onde non teño competencias, e aínda que estivese en Viveiro tampouco tería competencias. En todo caso, que pregunten ao concello veciño de Muras, se acaso ten algunha responsabilidade.

-Sobre a situación no centro de saúde local, ten falado co conselleiro de Sanidade arredor das necesidades de persoal?

Si, claro que falei co conselleiro varias veces, tamén coa xerencia de Lugo tivemos outras reunións e tamén cos responsables do centro de saúde. Eles están facendo o seu traballo, é dicir, asegurar que as prazas estean cubertas, mais non se pode obrigar a ninguén. Quero dicir, isto é un concurso e se ti ofertas a praza, unha praza de difícil cobertura, e a xente non quere vir a este centro, as prazas quedan desertas. Iso non quere dicir que eu non sexa consciente do problema, e ese problema é que non hai médicos suficientes. Son sabedora de que non hai médicos, como tamén sei que non os hai en momentos puntuais, pois estes profesionais teñen as súas baixas, os seus permisos e os seus dereitos como todos os traballadores. Isto non quere dicir que eu non sexa sensible a esta cuestión, mais non asistirei a unha manifestación que está politizada, sobre todo polo BNG. Iso non significa que non cumpra coa miña obriga como alcaldesa para preguntar polo problema e a solución.

-Séntese apoiada pola cidadanía de Viveiro despois da moción de censura pola que foi nomeada alcaldesa?

Síntome apoiada pola xente deste concello porque ve como estamos traballando, que non nos importa reunirnos con ninguén a calquera hora, achegámonos ás parroquias todas as tardes para coñecer de primeira man o que sucede e ter así todo rexistrado. Debemos ter un diagnóstico para, cando teñamos os orzamentos necesarios, priorizar aqueles problemas máis imperiosos e solucionar o moito que queda por arranxar.

ÚLTIMAS

Alcoa destaca a seguridade da balsa de lodos vermellos tras presuntas fugas denunciadas por veciños

Un veciño da parroquia de Lago gravou a inicios desta semana unha presunta fuga...

Burela participará no II Encontro Internacional de Mulleres Electas en Cabo Verde

A alcaldesa de Burela e presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, acompañada pola concelleira de Economía, Patricia...

O grupo de gaitas Dambara de Burela estará no desfile de San Patricio en Madrid co apoio da Deputación

O grupo de gaitas da Asociación Cultural e Musical Dambara de Burela será o...