InicioCulturaMilagrosa Ferrera, aula UNED Viveiro: "A Aula da UNED en Viveiro foi...

Milagrosa Ferrera, aula UNED Viveiro: “A Aula da UNED en Viveiro foi a primeira da provincia de Lugo”

A Aula UNED de Viveiro cumpre vinte anos. Dúas décadas ofertando estudos a distancia que co paso do tempo foron adaptándose e agora, coas novas tecnoloxías, fan máis doado o seguemento de aulas e cursos especializados. Milagrosa Ferrera é a coordinadora case desde o comezo porque primeiramente foi Francisco Prieto Guerreiro. Ferrera leva dezanove anos á fronte da Aula viveirense e considera que esta Aula ten servido mesmo para a mellora profesional de moitos mariñaos e mariñás.

Publicada o

- Advertisement -

-Cales son as orixes e as necesidades detrás do nacemento da aula da UNED en Viveiro?

A pretensión da Universidad Nacional de Educación a Distancia desde hai moitos anos (a UNED naceu en 1972), foi achegar o ensino superior ás persoas que non puidesen asistir ás aulas presenciais con regularidade por cuestións de ubicación xeográfica, por traballo, por responsabilidades familiares ou porque cando tiñan idade para comezar estudos universitarios non puideron facelo, mesmo a UNED quere chegar a españois no estranxeiro. A Aula da UNED en Viveiro nace porque nesta vila e os seus arredores hai xente con moitas inquedanzas intelectuais e culturais. Vendo isto considerouse a necesidade de ubicar a Aula da UNED en Viveiro, que foi o primeiro centro da Universidade a Distancia en toda a provincia de Lugo. Primeiro dependiamos da UNED da Coruña, logo xa se instalou a de Lugo e xusto antes desta última instaláronse as aulas de Foz e de Monforte de Lemos.

-Durante estes vinte anos cales son os obxectivos que se marcaron e están cumpridos?

Cumpríronse todos e estamos moi satisfeitos disto. Desde aquí saíron licenciados en Dereito e que agora exercen de avogados e mesmo labores de funcionariado. Tamén temos enxeñeiros informáticos, psicólogos ou historiadores, é dicir, de toda a oferta da Aula saíron profesionais de diferentes ramas. Actualmente estamos centrándonos no acceso de maiores de 25 anos porque hai persoas que non puideron acceder ao ensino regrado para realizar as probas de acceso á universidade. Estamos observando que este acceso para maiores de 25 anos está sendo útil tanto para estudos universitarios tamán serve para a mellora profesional do alumnado ademais de complementar os seus estudos e formación. Isto último estalles servindo para mellorar nos seus traballos, por exemplo, hai persoas que se matriculan e sacan o seu título e poden mellorar no seu posto en Alcoa, San Cibrao, tivemos moitos alumnos da factoría que buscaban mellorar profesionalmente.

-Como se desenvolve o traballo da Aula UNED Viveiro?

A UNED foi unha adiantada ao seu tempo porque a día de hoxe todas as universidades públicas teñen este tipo de infraestruturas, a distancia. Nos seus inicios o alumnado resolvía dúbidas por teléfono co seu titor, esa época non se viviu en Viveiro, e tamén se fixo por carta. Logo evolucionou aquí comezamos con aulas presenciais e actualmente utilizamos as bases telemáticas da UNED, por tanto damos aulas presenciais e pola plataforma da universidade. Á parte disto, existe unha oferta de cursos monográficos para as diferentes especialidades. O ano pasado en Dereito tivemos unhas conferencias sobre como evitar a expulsión dos estranxeiros, este ano faremos o mesmo con procedementos da lei de propiedade horizontal, cursos de psicoloxía e todos eles para que os e as licenciadas poidan especializarse, tamén tivemos un curso sobre Intelixencia Artificial. Despois temos a UNED Senior que tamén usa as plataformas telemáticas.

-Que retos ten marcados a Aula de Viveiro nestes momentos?

Coa crise de 2008 a Aula de Viveiro perdeu a posibilidade de dar graos presenciais. Agora damos asignaturas online e tamén as recibimos online, mais eu levo tempo xa falando co Concello e co centro de Lugo para que se implante algún grao. A directora do Centro de Lugo falou coa alcaldesa de Viveiro e creo que están en conversas para facer un estudo sobre Viveiro e todos os concellos de arredor para, polo menos, implantar un grao. As autoridades educativas e políticas quedaron en poñerse de acordo para facer unha prospección a ver se o ano que vén ou o vindeiro curso podo dar a boa nova de que en Viveiro teremos de novo un grao presencial. Esta é a nosa meta e obxectivo usando os titores, plataformas online e aulas en liña.

-Que graos demandan máis as persoas que se matriculan?

Pois Informática, Traballo Social, Educación Social e Ciencias Xurídicas son das máis demandadas.

-Tardou moito en asentarse a Aula da UNED en Viveiro desde que chegou?

Non, non, ao revés. Ao comezo quen coordinaba a Aula era Francisco Prieto Guerreiro, cuxos pais son de Viveiro, e cando lle propoñía un curso sobre algún tema era a Aula a que o anunciaba e a resposta era moi forte. Na Aula de Viveiro sempre detectei inquedanza pola formación e aprender, sobre todo nos primeiros anos. Logo, coas crises que houbo a asistencia baixou algo. Coa COVID, co tipo de plataformas que usamos, a UNED foi das poucas universidades públicas que impartía titorías logo dos primeiros meses.

O pasado venres pechábanse as xornadas organizadas pola Aula da UNED polo seu XX aniversario. Nestas xornadas houbo intervencións presenciais e online, pechando as mesmas Lucas Requejo Fernández. Así mesmo, desde a Aula queren agradecer a participación tanto de poñentes como de persoas que asistiron ás xornadas. A esta última xornada María Loureiro, Suso Fernàndez del PSOE e Iria Otero del BNG.

ÚLTIMAS

Héitor Picallo: “As Crónicas Compostelanas deron a imaxe negativa de dona Urraca que chegou até hoxe”

-A súa conferencia en Ribadeo vai tratar sobre a figura das raíñas galegas. Nesta...

Merluza D& Burela, única frota de altura certificada “pescaenverde”

A frota de palangre demersal da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela...

Trabada recibe o plano cos beneficiarios dos descontos da luz vinculados ao parque do Mondigo

O Concello de Trabada vén de recibir por parte de Recursos de Galicia e...

A X Foliada Nordestía animará San Cibrao o 28 de marzo

San Cibrao acollerá o sábado 28 de marzo a X Foliada Nordestía, unha edición...