InicioOccidentalViveiroCarlos Nuevo: "Algúns que estiveran na fronte da Guerra Civil puideron traer...

Carlos Nuevo: “Algúns que estiveran na fronte da Guerra Civil puideron traer armas para as súas casas”

Carlos Nuevo é o cronista oficial de Viveiro. Cun amplo percorrido en movementos culturais, asociativos, medioambientais e preside o Seminario Terras de Viveiro. Os seus coñecementos sobre a historia de Viveiro permítenos facer unha breve liña temporal sobre os posible motivos polos que se encontraron algunhas armas en casas particulares da vila do Landro. Viveiro, como resalta Nuevo, era en tempos da II República un centro pesqueiro, agrícola e industrial importante de aí o peso que tiñan sindicatos e partidos de esquerda.

Publicada o

- Advertisement -

-Sábese como era o ambiente político que se vivía en Viveiro xusto antes da sublevación militar do 1936?

Posiblemente era moi similiar a outros lugares durante a República. Era un ambiente variado porque en 1936 había todo un abano de partidos políticos dispares, desde a esquerda, centroesquerda e as dereitas. Viveiro estaba moi repartido politicamente con partidos como o Partido Galeguista que tiña a alcaldía nese momento, Unión Republicana, o PSOE, o PCE que estaba medrando, CEDA, Bloque Nacional de Calvo-Sotelo e unha Falange case que residual. Había tamén unha estrutura sindical importante formada por CNT, UGT, sindicatos agrícolas, pesqueiros e mineiros.

-A ORGA non estaba presente?

Nese momento non, porque a ORGA en 1936 estaba integrada en Izquierda Republicana. Na ORGA estivera Antón Vilar Ponte, que xa formaba parte do Partido Galeguista, e dentro estaba Santiago Casares Quiroga que a integro en Izquierda Republicana, o partido de Azaña.

-Nos primeiros momentos da sublevación quen colaborou cos golpistas para tomar Viveiro?

Cando se teñen noticias do levantamento militar créase un momento de moita incerteza, o mesmo que noutros lugares de Galicia e do Estado. Hai moita indefinición por parte das autoridades gobernativas porque primeiro dicían unha cousa e logo outra, confían en que non se levanten os militares. Finalmente, perderon moito tempo, mais maioritariamente os sindicatos xunto con partidos políticos crean un Comité de Defensa en Viveiro. Nese comité toman unha serie de decisións no caso de que os militares saian á rúa mais perden tempo porque se dedican a requisar armas á xente de dereitas. Os obreiros organizados requisan armas casa por casa e o peor resulta ser que os ve todo o mundo, son recoñecibles e isto servirá para acusalos e que lle custará a vida a máis de un.

-Esa xente de dereitas que tiña armas eran persoas ligadas a algún partido?

Algúns si e outros eran de dereitas mais sen militar en ningún partido. Mais non só a xente de dereitas tiña armas, había outras como eran os cubanos (retornados da emigración) que podían ter licenza de armas e tamén se requisaron armas de caza. Tampouco era un armamento grande porque fronte ao armamento militar non tiña que facer.

-Viveiro, finalmente, como cae?

A sublevación comeza entre A Coruña e Ferrol e de aí vai estendéndose ao resto de cidades e vilas. En Lugo, cando se sublevan, o gobernador militar libera un grupo importante de falanxistas que estaban presos por delitos de terrorismo no seu momento. Daquela a Falange estaba ilegalizada e algúns estaban acusados por delitos de sangue. Esa xente liberada, falanxistas de certo peso que logo ocuparían postos no novo réxime, veñen tomar Viveiro, isto sucede o 21 de xullo de 1936. A pesar de que houbo un pequeno intercambio de disparos no Concello e outro na Casa del Pueblo, tomaron Viveiro con relativa facilidade. Isto foi así porque desde a vila se enviara até A Coruña unha columna de vehículos para defender a cidade logo do chamamento do gobernador civil. Primeiramente ían ir a Lugo e entre as indecisións de se ir á capital da provincia ou á Coruña, ao final foron a esta cidade e volveron derrotados polas condicións do enfrontamento, non era o mesmo o armamento do exército que o dos milicianos.

-Quen era o alcalde republicano en Viveiro no momento da sublevación?

Era Balbino Cerdeiras, que era un alcalde en funcións, pois o primeiro alcalde na República foi Ramón Vilar Ponte, da ORGA, elixido en eleccións, dimitiu moi axiña e logo viñeron toda unha serie de alcaldes da ORGA e mesmo houbo alcaldes do PSOE até o 1934. Ese ano depoñen a toda a esquerda, quedan fóra do Concello, coa Revolución de Asturias, e logo da vitoria de Frente Popular nas eleccións de febreiro de 1936, o gobernador civil repuxo as forzas de esquerda en todos os concellos, e como estaban pendentes as eleccións municipais e mentres non se convocasen formouse un goberno local en interinidade. O alcalde foi Balbino Cerdeiras que era unha personalidade nomeada para buscar un equilibro entre as forzas de dereita e esquerda. Nese momento no Concello están o Partido Galeguista, Izquierda Republicana, PSOE, Unión Republicana e mesmo entraron dous concelleiros do PCE que non foran elixidos nas urnas mais demostra que os comunistas están en alza nese momento sobre todo a nivel sindical. Viveiro era un núcleo obreiro moi potente.

-Logo da chegada dos sublevados a Viveiro, quen foi o primeiro alcalde franquista?

Salvador Pérez-Labarta Pillado, unha persoa que andou en todos os partidos políticos de dereitas até que acaba sendo alcalde falanxista, aínda máis, era tradicionalista ou carlista aínda que acabou na Falange e que morreu en combate, na batalla do Ebro, creo.

-Quen era a figura representativa da Falange en Viveiro?

Había varios, un era Pérez-Labarta aínda que o máis destacado era o xefe militar, Ramón Pita, logo habíaos de segundo grao como Trobo Rivera a quen mataron os do monte, fuxidos. Estes últimos, unha vez que o PCE organiza a resistencia interior pasan a ser guerrilleiros organizados.

-Ti a que atribuirías a aparición de material militar en casas particulares en Viveiro?

O achado máis importante foi durante os anos cincuenta cando un rapaz encontrou case un arsenal, a Garda Civil levou todo ao cuartel. Apareceron varias armas despois noutros lugares, mais chegaba a Garda Civil recollíaas e metianas no cuartel. A que se debe a aparición destas armas? Logo da incautación de armas houbo moitas pezas soltas, mesmo despois do golpe, obreiros que as portaban deixábanas no primeiro portal que vían ante o medo. O exército sublevado realizou as primeiras detencións a xente armada e os militares sabían quen usara unha arma porque as mans che cheiran a pólvora. Nas casas apareceu armamento requisado e logo, durante a guerra, moitos soldados e suboficiais que participan nela traen algunha arma. Un dos primeiros casos sucedeu na casa dun destacado falanxista e outro caso era doutro xefe militar da Falange. Que se podería concluír? Que a represión en Viveiro comeza o día 21 de xullo de 1936 e non vai acabar até o 1951. Había xente no monte que logo se organiza cunha estrutura partidaria detrás que manterá todo ese lume. Xente que volveu da fronte, sobre todo os de dereitas, trouxo armamento.

ÚLTIMAS

Trabada recibe o plano cos beneficiarios dos descontos da luz vinculados ao parque do Mondigo

O Concello de Trabada vén de recibir por parte de Recursos de Galicia e...

Correos activa o servizo de transporte de mochilas no Camiño norte no seu paso por Ribadeo

Os peregrinos que realicen o Camiño de Santiago este ano xa teñen dispoñible o...

Ribadeo anuncia melloras na accesibilidade para a Rúa Virxe do Camiño

O alcalde, Dani Vega, dixo que “seguimos mellorando a zona da Virxe do Camiño....

Barreiros inaugura a exposición “Fauna Esencial”

Esta mañá ás 11:30 horas tivo lugar a inauguración da Exposición “Fauna Esencial” da...