A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora un ano máis coa organización da Feira do Libro de Viveiro, que se celebra do 12 ao 15 de agosto nos xardíns Noriega Varela, cunha decena de librarías e unha ampla axenda de actividades nas que participarán unha vintena de autoras e autores.
A deputada de Cultura Iria Castro participou este mediodía na inauguración da cita cultural,onde subliñou que as feiras “lle dan á lectura unha visibilidade e unha dimensión colectiva que resulta moi propicia para crear e fidelizar lectoras e lectores. Ademais, supoñen unha oportunidade para coñecer novidades editoriais e impulsar as vendas das librarías, que son fundamentais para soster unha rede cultural forte nos nosos concellos, no noso país”.
A responsable provincial explicou na súa intervención a actividade do Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, que mostra no seu propio posto na feira as ultimas novidades, vinculadas á historia e ao patrimonio lucense
A feira inaugurouse cos pregóns da escritora Lucía C. Peña e de Inés Ben Oroso, que se encargou do pregón infantil.
