al e como estaba previsto, o Pleno de Viveiro aprobou en sesión extraordinaria o novo sistema de organización do Goberno local. A proposta de retribución salarial da nova alcaldesa, Mariña Gueimunde (PP), fíxase así en 59.000 euros anuais, un 35% máis do que cobraba a anterior rexedora, a socialista María Loureiro, que era de 43.500 euros.
A proposta saíu adiante cos votos a favor dos populares e Por Viveiro, e a abstención de BNG e PSOE. Xunto á alcaldesa, haberá outra única dedicación exclusiva, a do concelleiro de Obras, Parques e Xardíns, Vicente Vázquez Chao, que cobrará 25.000 euros, unha cifra inferior aos 41.000 que recibía a nacionalista Míriam Bermúdez como tenente de alcaldesa, e que supón un 39% menos.
En conxunto, ambos os salarios ascenden a 84.000 euros, unha cantidade algo inferior ao que cobraban as dúas antecesoras. No debate sobre este punto, os socialistas recalcaron o “desproporcionado” da asignación da alcaldesa, que supón un 70% do total do orzamento para salarios. O BNG foi máis directo ao acusar á rexedora popular de “enriquecerse no desempeño da política“.
Na súa resposta, Mariña Gueimunde defendeu que o salario se estableceu “seguindo a lei escrupulosamente” e que, ao non pasarse do orzamento establecido, “ninguén ten que valorar a repartición que facemos se ambos estamos de acordo”.
CRÍTICAS POR NON APOIAR Á SANIDADE PÚBLICA
Así mesmo, a nova alcaldesa presentou tamén a composición do novo Goberno, onde Martín Vale Cobo será o primeiro Tenente de Alcaldesa, sen dedicación exclusiva, unha medida que criticou a nacionalista Míriam Bermúdez ao preguntarse “quen se encargará de suplir á alcaldesa cando falte ao non ter esta plena dispoñibilidade”. Ante isto, Vale Cobo contestou, por alusións, que “aceptou o cargo con responsabilidade e compromiso”, polo que non se ten que pór nada en dúbida.
Neste primeiro Pleno de Mariña Gueimunde como alcaldesa, tamén se produciu a renuncia da socialista Catalina Fernández, por motivos laborais. Como médico, na súa despedida, agradeceu o apoio e a xestión de todos, pero reclamou tamén cambios para o Hospital de Burela, “de onde a xente se está marchando porque as condicións laborais son insustentables”, dixo.
Finalmente, nos rogos tratouse a negativa do novo Goberno local a prestar o sistema de megafonía aos manifestantes a favor da sanidade pública concentrados en Viveiro recentemente e sobre a supresión das subscricións a El País e Saber Vivir na Biblioteca. No primeiro caso, asegurou que a solicitude non se fixo correctamente e no segundo, dixo Gueimunde que foron os funcionarios os que escolleron as subscricións a eliminar “en función do que non se lía”.
