-O encontro con Por Viveiro celebrado este pasado mércores 19 de febreiro deu a impresión de ser un trámite, que todo estaba ben negociado e consolidado.
Efectivamente, foron moitas as reunións anteriores, moito tempo de traballo, algún xa quedou de hai dous anos, cando xa tivemos os primeiros contactos no comezo da lexislatura despois de asumiren o goberno local o PSOE e o BNG. Porén, os puntos non cambiaron, a única diferenza é que antes eran puntos esixibles á administración e desta volta chegamos a un acordo programático de goberno, involucrando a todas as administracións competentes nas necesidades que ten Viveiro en todos os eidos.
-Cando se presentaría a moción? Pois din que non queren que coincida co Entroido.
O caso é que xa sabemos día e hora. Durante a mañá deste xoves día 20 de febreiro rexistramos a moción, estivemos presentes todos os concelleiros e concelleiras diante da Secretaría, fíxose o trámite e desta maneira acabamos rexistrándoa. A norma di que, unha vez rexistrada, aos dez días hábiles ás doce do medio día convocaríase o pleno. A convocatoria xa nos chegou a todos os concelleiros para as 12 horas do día 7 de marzo, venres.
Os puntos non cambiaron, a única diferenza é que antes eran puntos esixibles á administración e desta volta chegamos a un acordo programático de goberno
-Cales cre que son os motivos de Por Viveiro para aceptar definitivamente as propostas do PP?
Estaban desencantados. Prometéranlles desenvolver un compromiso de quince puntos e Por Viveiro declarou publicamente que non se cumprira ningún deles. Os compromisos están para cumprirse, aínda que non sexa na súa totalidade pois ás veces non se poden executar por calquera incidencia administrativa ou doutra natureza, mais aquí non é o caso. Dos quince puntos sinalados se ningún se cumpre é que fallou a palabra, mais eles (Por Viveiro) cumpriron, pois dixeron que daban dous anos de marxe e se o acordo non se materializaba retirarían o seu apoio. Fixeron iso e logo falaron con nós, retomamos as conversas onde se deixaran hai dous anos, actualizámonos pois agora non é unha lexislatura completa senón dous anos, o tempo que resta para as eleccións locais, por iso os compromisos non poden ser os mesmos nin ter a mesma capacidade. Algúns, salvo os do Concello, dependen doutras administracións, sexa da Xunta, da Deputación ou do Estado. Xunta e Deputación xa fixeron os seus orzamentos, por tanto, imposible introducir elementos de envergadura ou pelexar para seren introducidos neses orzamentos. Si teremos que pelexar por algún deses investimentos e así poder iniciar este novo camiño para Viveiro.
Por Viveiro cumpriron, daban dous anos para desenvolver o acordo co bipartito PSOE-BNG senón retirarían o seu apoio
-Cales son os puntos que abordará o seu goberno nada máis tomen posesión?
O máis inmediato é un orzamento realista, saber cal é a situación do Concello e, en base a iso, temos que comprometer os investimentos e os gastos necesarios. Xunto a isto, debemos estudar a débeda municipal e saber que provedores deberían ter cobrado e non cobraron. En definitiva, unha diagnose económica do Concello para priorizar os puntos necesarios do noso acordo e dar comezo ao goberno en función do que dispoñamos. Pois ese é un punto importante, saber canto temos.
-Con todo, hai algún fito, á parte dos orzamentos, que lle gustaría ver cumprido cando finalicen os dous anos de mandato?
A aprobación do PXOM xa sería o punto culminante, polo menos a aprobación provisional. Este é un documento que nos ten completamente condicionados, condiciona o noso crecemento e desenvolvemento mesmo industrial. Agora mesmo non podemos nin abrir unha nova rúa ou ampliar unha existente. Estamos completamente constrinxidos, por iso necesitamos o PXOM para comezar a expandirnos, deseñar un Viveiro mellor, que non será o perfecto, mais teremos un documento base do que se parta para chegar a un Viveiro con maiúsculas.
O máis inmediato é un orzamento realista, saber cal é a situación do Concello e, en base a iso, temos que comprometer os investimentos e os gastos necesario
-O presidente da Deputación apuntaba que a materialización da moción de censura en Viveiro “sería moi negativo para a veciñanza”. Cando realizou estas manifestacións (13 de febreiro), anunciaba de paso un investimento dun millón de euros para Viveiro, supostamente para evitar o acordo PP-Por Viveiro.
Souben deste anuncio pola prensa, mais é curioso tamén que o mesmo Por Viveiro dixo publicamente que non recibiran ningunha proposta en relación a isto. Se se quere convencer a alguén débese chamar a esa persoa e falar con ela. Mais para min foi unha cortina de fume para aparentar que se fai algo en vez de facelo.
-Por Viveiro non entrará no futuro goberno. Considera que esta postura pode volverse contra a acción do futuro executivo local?
Dentro dos compromisos asinados entre as dúas forzas entendo que existe a colaboración e o apoio. Sen esa colaboración e apoio, entraran ou non no goberno, o PP non asinaría unha moción de censura a estas alturas, porque iso significaría que estamos desamparados e poderiamos seguir coa mesma deriva que tiñamos con anterioridade, fóra da xestión, de se un pode xestionar mellor ou peor, ser máis activo ou non coas administracións, mais eu confío no voto de Por Viveiro para chegarmos á fin da lexislatura en dous anos. Despois os e as viveirenses poderán validar co seu voto o noso traballo ou senón volver ao que tiñan.
A aprobación do PXOM xa sería o punto culminante, polo menos a aprobación provisional
-A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, sinala que agora mesmo o partido en Viveiro asume unha grande responsabilidade. Sente o mesmo?
Si, desde logo, teño unha responsabilidade para sacar adiante proxectos pois en dous anos debo demostrar aquilo que outros non demostraron en vinte e dous. Iso é unha responsabilidade, un sacrificio e un esforzo que todo o equipo asumimos e imos intentalo. Xa que temos oportunidade non podemos perdela, temos valentía e somos realistas porque temos esa grande responsabilidade de sacar adiante este proxecto, diso depende termos ou non a maioría absoluta nas vindeiras eleccións. Debemos cambiar a dinámica deste concello.
-A propia Paula Prado apunta que agora o PP terá 29 alcaldesas. Pensan que a poderán “fiscalizar” por ser muller?
Entendo que non, en Viveiro están afeitos a ter unha alcaldesa, non vai cambiar nese sentido. E, curiosamente, se todo sae ben, comezariamos a traballar o día 8 de Marzo, Día Internacional da Muller.
Teño a responsabilidade para sacar adiante proxectos pois en dous anos debo demostrar aquilo que outros non demostraron en vinte e dous
-Sobre sanidade (Centro de Sáude de Viveiro) e Alcoa, cal vai ser a postura do goberno presidido por vostede?
Sobre Alcoa, queremos que a factoría continúe en marcha e para iso o goberno galego está facendo todo canto está na súa man para que a multinacional quede na comarca. Sobre a sanidade é evidente que temos un problema de profesionais médicos e isto non é exclusivo de Galicia senón que se pode ver noutras autonomías. Existe un déficit de profesionais, sobre todo en certas especialiades, por iso non sei que espera o Goberno central para habilitar esas prazas MIR para eses profesionais. Non se trata de abrir hoxe e cubrir mañá, o aviso do que está ocorrendo xa llo fixeron hai moito tempo e seguimos tendo o que temos. E cada vez vai ser peor pois a xente xubílase e se non se incorporan novos profesionais, aqueles que poden cubrir as prazas teñen os seus dereitos e poden irse a outros lugares. Desde logo, temos que intentar que ese profesionais queden en Viveiro mais eles falan de que non encontran vivenda ou as comunicacións son malas, cuestións que van parellas ao asentamento dunha persoa. Por iso, debemos facer atractivo Viveiro para estes profesionais.