InicioOccidentalViveiroViveiro pide apoio a Augas de Galicia para reparar os servizos de...

Viveiro pide apoio a Augas de Galicia para reparar os servizos de auga e saneamento

Desde o Goberno de Viveiro, agradeceron a implicación das administracións presentes, confiando en avanzar conxuntamente para facer realidade estas melloras tan necesarias para o municipio

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Viveiro mantivo esta mañá unha reunión con Augas de Galicia para demandar melloras nas redes de auga e saneamento.

En concreto, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e a tenenta de alcaldesa, Míriam Bermúdez, mantiveron hoxe unha reunión co director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, acompañadas polo arquitecto municipal, Santiago Meitín. A xuntanza contou tamén coa presenza dos portavoces do PP, Mariña Gueimunde, e de Por Viveiro, Manolo Galdo.

Durante a xuntanza, Míriam Bermúdez tenenta de alcaldesa e concelleira de Medio Ambiente e Medio Rural, puxo o foco na urxencia de renovar as redes de fibrocemento, que suman 15,1 quilómetros no municipio e teñen máis de 40 anos de antigüidade.

Este material desgastado xera frecuentes fugas e avarías que afectan a eficiencia do sistema. Entre 2021 e novembro de 2024 rexistráronse máis de 70 avarías, especialmente na zona de Magazos. Só no que vai de 2024, rexistráronse 12 avarías, o que evidencia a deterioración das infraestruturas actuais.

Bermúdez destacou que para a substitución dos tramos máis críticos, nas estradas LU-161 e LU-540, é necesario un investimento de 618.068,34 euros. Esta actuación permitirá modernizar máis de 1.900 metros de canalizacións, reducindo perdas de auga e garantindo un servizo máis eficiente e sostible para a veciñanza.

Ademais, abordouse a renovación integral da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Landrove, en funcionamento desde os anos 70. A instalación necesita unha modernización que inclúa novos sistemas de captación, potabilización e automatización para adaptarse ás normativas vixentes e mellorar a calidade do subministro, prevendose un orzamento de 4.816.188,32 euros para acometer as melloras.

O director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e o delegado da Xunta, Javier Arias, mostraron o seu compromiso para buscar vías de colaboración que permitan acometer estas actuacións prioritarias.

“As cifras de avarías son alarmantes e deixan clara a necesidade de modernizar estas infraestruturas,” afirmou Míriam Bermúdez ao termo da reunión. “Estas melloras son imprescindibles para garantir un Viveiro máis sostible e cun servizo de calidade para a veciñanza”, engadiu a alcaldesa.

María Loureiro interesouse tamén polos plans especiais de inunciacións das tres zonas existentes no municipio con máis risco ou perigo. Unha delas é a de Xunqueira, cuxo Plan Espacial xa está feito e xa se vai executar.

Outra das cuencas nesta situación é o Rego da Trasposta, para o que Augas de Galicia ten elaborado o Plan Especial do Risco de Inundación, polo que a alcaldesa preguntoulle a Roi Fernández se había algunha previsión para a súa execución. Finalmente, tamén falouse da zona de Pe de Boi, onde aínda non se elaborou este plan especial.

Desde o Goberno de Viveiro, agradeceron a implicación das administracións presentes, confiando en avanzar conxuntamente para facer realidade estas melloras tan necesarias para o municipio.

ÚLTIMAS

Denuncias de malas condicións nas instalacións contraincendios de Celeiro

  A xestión da campaña contra incendios forestais sitúase cada ano no centro do debate...

Peche de camas en Burela: críticas desde a CIG mentres a Xerencia sinala que terá aberto o 100% das camas

O Hospital Público da Mariña, situado en Burela, enfrontará o período estival coa polémica...

Falece unha peregrina alemá logo de caer por un desnivel en Mondoñedo

Unha peregrina alemá, que circulaba en bicicleta, faleceu este sábado tras caer por un...

Viveiro abre o prazo para solicitar autorizacións para as comidas da Feira Renacentista

O Concello de Viveiro abrirá 15 ao 28 de xuño o prazo para solicitar...