María Loureiro, alcaldesa de Viveiro, destacou hoxe “a capacidade do Porto de Celeiro para facer fronte aos problemas do sector pesqueiro e adaptarse aos cambios, para estar sempre á vangarda en cuestións claves como a aposta polo I+D e o uso das novas tecnoloxías”.
A alcaldesa de Viveiro asistiu á inauguración das Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro de Celeiro. Durarán ata o sábado e ofrecerán aos participantes un total de 23 conferencias nas que expertos en diferentes ámbitos analizarán cuestións de gran relevancia para a actividade.
“Quero destacar o esforzo e o traballo de Máximo Díaz, secretario da Cofradía de Pescadores de Celeiro e coordinador das xornadas, e de Domingo Rey, presidente do Porto de Celeiro e patrón maior da Cofradía de Pescadores de Celeiro”, afirma Loureiro.
“Uns días para o diálogo, o debate e a reivindicación. Viveiro e Celeiro son sinónimos de pesca, un sector fundamental na economía local e da Mariña, de milleiros de familias que viven do mar”, engadiu a alcaldesa.