O Concello de Viveiro estivo presente hoxe nos diversos actos de conmemoración do centenario da Confraría de Pescadores Santiago Apostol de Celeiro, que comezaron no local social desta entidade.
O centenario da confraría tivo lugar a finais do pasado ano 2023, e foi celebrado cunha cerimonia onde o Concello de Viveiro fixo entrega á entidade da Medalla de Ouro da Cidade.
Os actos celebrados hoxe incluíron a inauguración dun mareógrafo na praza do monumento ao náufrago, así como diversas exposicións sobre os 100 anos de historia e tradición pesqueira na localidade. Tamén tivo lugar unha actuación do grupo musical vocal Sons de Celeiro.
Asistiron aos actos en representación da Corporación Municipal a alcaldesa María Loureiro, os membros do equipo de goberno Jesús Fernández Fernández, concelleiro de Mar, e Iria Cotelo. Tamén os concelleiros Martín Vale Cobo, do PP, e Bernardo Fraga Galdo e Manuel Galdo Dopico, de Por Viveiro.
Acudiron así mesmo o conselleiro do Mar do Goberno galego Alfonso Villares, a xefa territorial desta consellería Mariña Gueimunde González, a subdelegada do Goberno estatal María Isabel Rodríguez López e a deputada provincial Carmela López.
A rexedora María Loureiro quixo “felicitar unha vez máis á confraría polos seu traballo no municipio, sendo unha das entidades máis destacadas do sector”.
“Moitas grazas á confraría Santiago Apostol de Celeiro por organizar estes fermosos actos e por convidarnos aos mesmos”, engadiu a alcaldesa de Viveiro. “De seguro virán outros 100 anos loitando polo futuro da pesca, do mar e do noso concello”, concluíu.