O Ministerio de Industria e Turismo notificou aos concellos implicados no proxecto ‘Spain Culinary Villages’, entre eles Viveiro, a aprobación dunha achega de 581.000 euros para a posta en marcha da iniciativa.
O proxecto, que contará con fondos europeos, inclúe a varios municipios de España pola calidade dos seus restaurantes e alimentos, co obxectivo de impulsar o seu turismo gastronómico e sostible.
No caso de Viveiro, as xestións para formar parte da rede realizounas a alcaldesa, María Loureiro.
Os concellos que forman parte da rede son Ezcaray (A Rioxa), Alcalá del Valle (Andalucía), Viveiro, Moratalla (Murcia) e Parrés (Asturias).
“A nosa gastronomía é un dos moitos atractivos da nosa vila, cunha ampla oferta culinaria de gran calidade. Pertencer a esta rede consolida a nosa posición como destino gastronómico a nivel internacional”, sinala María Loureiro.
O proxecto ‘Spain Culinary Villages’ desenvolverá diferentes actividades e iniciativas nos concellos da rede para promocionar a súa gastronomía.