A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e a tenenta de alcaldesa, Míriam Bermúdez, visitaron hoxe o Campo de Lavandeiras para supervisar o remate das obras de renovación das instalacións, que contemplaron a dotación dos elementos necesarios para poder levar a cabo a práctica deportiva, incluídas redes, vestiarios ou banquillos, así como a reforma da instalación eléctrica do campo de deportes.
“Viveiro conta agora cunha instalación renovada que permitirá a práctica de máis modalidades e reducirá a carga de actividade do Campo de Fútbol Marcos Gómez”, afirma Loureiro.
O proxecto de reforma, acordado entre a área de Deportes da Deputación de Lugo, o Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia e o propio Concello de Viveiro no 2022, supuxo un investimento de 120.000 euros.
A primeira fase das obras ía facerse en 2022, pero quedou deserta pola demora dunha autorización de Augas de Galicia necesaria para a reforma. Finalmente, grazas ás xestións da alcaldesa de Viveiro, a Xunta concedeu unha axuda de 50.000 euros e coa Deputación de Lugo asinouse un convenio por importe de 40.000 euros, aportando o concello os outros 30.000 euros.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, celebra tamén a finalización das obras, “que dotan o barrio de Celeiro dunhas instalacións propias e acondicionadas para a práctica deportiva desde as categorías de base”.
“Este tipo de investimentos en colaboración cos concellos complementan o apoio que desde a Vicepresidencia da Deputación se presta ao tecido deportivo de base e afeccionado, sobre todo a través das subvencións de concorrencia competitiva destinadas ao gastos de actividade dos clubs e entidades deportivas”, engade.