InicioOccidentalViveiroMaría Loureiro: “A Xunta denegou subvención a tres colexios de Viveiro para...

María Loureiro: “A Xunta denegou subvención a tres colexios de Viveiro para Madrugadores”

A alcaldesa de Viveiro reclama máis axudas á Xunta para facer fronte a servizos municipais e outros que, sendo de competencia autonómica, son asumidos polo goberno local. Ademais disto, reclama manter reunións co goberno autonómico para resolver cuestións como a vía de alta capacidade e a cobertura de prazas no centro de saúde local.

Publicada o

- Advertisement -

-Cal é o reclamo que se lle fai á Xunta para atender o Servizo de Madrugadores?

O Servizo Madrugadores é imprescindible a día de hoxe para manter a conciliación familiar porque os colexios abren ás nove e moitos pais e nais comezan a traballar antes, sobre as oito ou andan a quendas. O Servizo Madrugadores permite que os nenos estean coidados até que comece o horario escolar. Reclamamos que ese servizo tan esencial, a Xunta debera asumir que todos os colexios teñan ese servizo. Nós colaboramos todos estes anos mais este ano, casualmente, houbo colexios que pediron unha subvención para o programa Madrugadores e non lles foi concedida. Non vou entrar nos motivos da negativa, mais si é certa a nosa demanda á Xunta para garantir ese servizo, porque ao final todo recae nos concellos que xa están asfixiados. Concretamente, en materia de educación gastamos case 400.000 euros por ano, pois bedeis, limpeza e o mantemento dos colexios van a cargo dos concellos. Se a maiores, este servizo co que o Concello de Viveiro colabora e sempre colaborará, a competencia de educación que é exclusivamente autonómica, debe garantirse, sobre todo neste caso. O feito de non acceder á subvención faise difícil para os pais e nais, porque neste novo curso unha familia media con dous fillos se gasta mil euros só en material e libros, este ano acudiron ao Concello porque, ante a falta de subvención, repercute nas familias o custe, de aí que reclamemos ese servizo desde a Xunta porque a día de hoxe é esencial. Agora pai e nai traballan os dous e os nenos necesitan estar atendidos por iso reclamamos que se garantice.

-Desde o PP viveirense falan de “descaro” desde a alcaldía por pedir reunións con representantes da Xunta e non o fai cando eses representantes están en Viveiro.

Isto é totalmente mentira. Nós dixemos que levabamos catro meses esperando para ser recibidos polo director de Portos despois dun asunto que levamos hai un ano, e levamos esperando moitos meses para que nos reciba o conselleiro de Educación. Sabemos dos delegados da Xunta con quen tratamos temas do día a día, mais entendo que Viveiro merece que o conselleiro nos reciba para explicar as nosas demandas. Isto fixémolo con corrección e sen meternos con ninguén. Non é certo que eu non acuda aos actos cando veñen representantes autonómicos, algo que debo facelo eu e os meus colegas do goberno local porque son representantes autonómicos merecedores do noso respecto. Tamén é certo que un día puntual ao mellor non podo asistir, primeiro, porque nos avisan con pouco tempo de antelación e eu podo estar atendendo ese día outras obrigas axendadas ou motivos personais. Sempre que vén algún representante autonómico hai alguén do goberno local e o 95% das veces estou eu. Por iso digo que non entendo ese ataque por dicir simplemente que non nos recibe, por outra parte, durante as súas visitas recordámoslles que nos reciban para tratar temas vinculados a Viveiro. As peticións non imos facelas nun lugar e nun momento que non corresponde. Solicitar unha reunión non é nada doutro mundo. Viveiro é o terceiro concello máis importante de Lugo e é ben certo que merecemos ser recibidos para tratar temas onde precisamos axuda da Xunta de Galicia.

-Durante a reunión entre Rueda e o presidente de Asturias, puido transmitirlle estes puntos ao presidente da Xunta?

Insisto que un acto é un acto, por tanto non é un momento moi idóneo, mais ese día o que puiden transmitirlle a Rueda tanto eu como a tentente de alcaldesa e o segundo tenente de alcaldesa, é a necesidade dunha vía de alta capacidade para Viveiro. A ver se nos pode recibir porque é algo importante para o noso concello. Ao final Rueda dixo que si, que solicitaramos unha reunión. Con todo, sabemos onde estamos en cada momento, aínda así transmitímoslle as nosas peticións.

-Sobre a vía de alta velocidade, cal é o grande obstáculo para non levar adiante esta infraestrutura?

Creo que é falta de vontade política, pois ao final bótanlle a culpa a alcaldesa. Impuxéronnos un trazado que no seu momento se fixo unha reclamación por parte de veciños e por parte do Concello, cando nós xa tiñamos un aprobado e consensuado. Aínda así, necesitamos unha vía de alta capacidade pois entendemos que Viveiro está aillado. A oportunidade máis grande foi a autovía do Cantábrico hai corenta anos, foi a crónica dunha morte anunciada cando foi desviada por Vilalba. Aí está a causa de todos os males sobre a industria e o comercio. Temos as mesmas estradas que hai corenta anos, por iso consideramos imprescindible esta vía para comunicar Viveiro co resto de Galicia e co resto do Estado. No PXOM tivemos que incluír o trazado imposto pola Xunta de Galicia e así o fixemos. Agora queremos coñecer cal é a predisposición, cal é a cantidade destinada nos orzamentos para ese concepto. Demandamos algo que é necesario para Viveiro e xa está ben de botarnos a culpa. Xa puxemos o trazado e agora queremos sentarnos para levar adiante o proxectos.

-O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, coincidía en que hai falta de vontade política. Cre que hai unha especie de castigo para os concellos que non están baixo a mesma cor política que a Xunta?

Eu creo que si, ademais xa o dicimos publicamente. Hai concellos que reciben subvencións extraordinarias, aquí non, só recibimos as subvencións marcadas por lei: Fondo de Compensación, AGADER e algún convenio extraordinario como o de Xunqueira. Cando intervén a Xunta sempre é o 33%, nunca nos subvenciona nada de maneira extraordinaria mentres obserbamos como si as reciben outros concellos veciños. Creo que ese castigo desde a Xunta o ve todo o mundo e tamén está nas hemerotecas.

-O centro de saúde de Viveiro foi motivo de mobilizacións para reclamar persoal que atenda á cidadanía. Sobre a falta de cobertura en prazas médicas, cal é a posición do Concello?

Nós acudimos a mobilizacións, sobre todo no tocante a pediatría. A situación no centro de saúde de Viveiro é insostible. No verán xa se pasaron os límites, con días en que non había ningún médico. Un veciño ou veciña que quere acudir ao médico de cabeceira até un mes, mes e pico, non lle dan cita. Nunca vivimos unha situación como esta. Reivindicamos a mellora da situación mesmo coa Plataforma pola Sanidade Pública ou nós en solitario. Acudimos en varias ocasións á xefatura da zona sanitaria Lugo-A Mariña-Monforte en Lugo. O caso do centro de saúde de Viveiro tamén recolle que no verán triplicamos a poboación entre turistas e actos que se celebran aquí, e por iso lamentamos que esta situación se prolongue.

-O 11 de setembro o PP local nunha nota de presan, sinalaba que o goberno local abandonou o medio rural, desatendendo o abastecemento de auga entre outros.

Non é certo que non se investise na zona do rural. Si é certo que nos queda moito mais a cuestión é un problema orzamentario. Necesitamos realizar unha obra importante para a substitución das tuberías de fibrocemento nas parroquias debido ás roturas que sofren. Insisto en que moitas cousas nos caen aos concellos e non podemos realizar obras por falta de orzamentos por iso imos pouco a pouco. Que na zona de Landrove e Galdo tivemos moitos cortes durante o verán, si, é certo. Buscamos solucións e minimizar prexuizos, mais é certo que xa está valorado en 200.000 euros ese tramo e encanto se poida faranse as obras. Mais, insisto, a Xunta axuda a outros concellos e o PP de Viveiro podería colaborar na busca de axudas autonómicas para obras. Só temos axuda da Deputación e o que ten o propio Concello e ademais asumimos servizos que son autonómicos.

ÚLTIMAS

O Goberno central asegura que “moi pronto” haberá novas positivas para o futuro de Alcoa

A secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, mostrouse "convencida" de que "moi pronto"...

O alcalde de Foz delega na concelleira do BNG, Zoraida Coira as competencias na residencia de maiores

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, asinou hoxe, xoves, o decreto para a delegación...

Finalizan as celebracións polo centenario da Confraría de Pescadores de Burela

A confraría de pescadores San Juan Bautista de Burela culminou a celebración do seu...

Os socialistas de Mondoñedo reclaman usar o vehículo de Protección Civil só para emerxencias

Os Socialistas de Mondoñedo emprazan ao PP de Mondoñedo a utilizar o vehículo de...