InicioOccidentalViveiroLara Fernández: "As 'Ruadas de Contos' buscan fomentar valores como a igualdade...

Lara Fernández: “As ‘Ruadas de Contos’ buscan fomentar valores como a igualdade e a solidariedade”

Lara Fernández é programadora cultural do Concello de Viveiro. Nesta ocasión fálanos da última 'Ruada de Contos' que se celebrará no Atrio de Santa María, no centro da vila. Nacidas despois do peche da pandemia, as 'ruadas' queren animar aos máis pequenos a ver espectáculos que lles aprendan valores como solidariedade, empatía ou como expresar as emocións.

Publicada o

- Advertisement -

-Viveiro vai ter unha nova Ruada dos Contos este verán. Explícanos como se vai desenvolver e cales son as metas que vos gustaría cumprir?

A ‘Ruada de Contos’ naceu na época da pandemia, cando era complicado programar actividades culturais sobre todo en interiores. Aí foi cando naceu a idea de levar fóra do casco de Viveiro unha actividade que permitise gozar con toda a seguridade o feito de realizar actividades para nenos e nenas porque, dalgunha maneira, foron os que máis sufriron o peche. Así foi como ideamos este proxecto de ‘Ruada dos Contos’ para celebralo na rúa, en prazas ou noutros lugares. Realmente ten moitas posibilidades: ‘Ruada na rúa’ ou ‘Ruada no rural’ porque de primeiras levámolo a diferentes sitios de Viveiro. Fixemos un en Celeiro, logo no Parque Pernas Peón e máis puntos do concello. Foi pasando o tempo e como vimos que era unha actividade moi atractiva para os nenos e nenas mais tamén para familias enteiras, decidimos programar xa de maneira constante. Cada ano imos movendo a Ruada a diferentes puntos de Viveiro, este ano será no atrio de Santa María porque cremos que é un sitio moi bonito da nosa vila para contar historias.

-Como se organiza a loxística da Ruada?

É unha actividade que se organiza con contacontos profesionais galegos sempre. Contactamos directamente con eles ou a través de intermediarios que nos comunican cos artistas que queremos traer. O Concello organiza e tamén presentamos un proxecto para termos unha subvención da Xunta e da Deputación de Lugo e con ela sufragamos os gastos desta actividade.

-Como se achegan os nenos e nenas aos lugares onde se van celebrar as ‘ruadas’?

Os nenos van chegando normalmente coas súas familias ou se xa son grandes poden ir sós porque é unha zona protexida. Cando o celebramos nos Xardíns Noriega Varela, onde está o quiosco da música, podía ser algo dificultoso. Mais este ano eliximos un lugar céntrico para aqueles nenos que tendo unha idade xa poidan ir sós. Faise efecto chamada, ponse ese punto de referencia e alí estará esperando o contacontos desa ‘ruada’.

-Existen liñas ou puntos de unión entre as diferentes historias que se contan?

Buscamos que todas elas fomenten valores como a igualdade, inclusión, solidariedade ou a empatía. Sobre todo, buscamos protexer as emocións de nenos e nenas, mostrarlles que a saúde mental e tamén as emocións debemos protexelas. Isto quere facer que os nenos pequenos comecen a recoñecer as súas emocións e traballalas de maneira artística.

-Pola experiencia que xa tedes, aos nenos e nenas gústalles algunhas historias máis que outras?

Creo que os nenos son como esponxas. Realmente, a miña experiencia como programadora dime que menos é máis. Os nenos queren achegarse ao contador, que os fagan partícipes da historia, como eses contacontos que interactúan cos pequenos e que lles fan preguntas e participan dentro do conto.

-Cal foi a experiencia máis agradable para ti con estas ‘ruadas’?

Foi coa primeira ruada, cando saímos do peche da pandemia, e de súpeto velos coas máscaras mais cuns ollos cheos de ilusión foi un momento moi especial.

ÚLTIMAS

Anxo Martíns: “O irmandamento con Loktudi é un dos vinte que hai entre vilas galegas e bretoas”

-Como nace a este irmandamento entre Ribadeo e Loktudi na Bretaña francesa? En 2005, respondendo...

Iria Castro destaca o papel dos filántropos na presentación do Ribadeo Indiano

 A deputada de Cultura Iria Castro participou esta tarde  acto inaugural do Ribadeo Indiano,...

Viveiro recoñecido como Concello Emprendedor pola Xunta

O Concello de Viveiro vén de recibir a declaración oficial como Concello Emprendedor, segundo...

O mercado de Foz será o venres 18 en vez do martes debido ás Festas do Carme

O Concello de Foz anuncia que a vindeira semana o tradicional mercado dos martes,...