InicioOccidentalViveiroO Concello de Viveiro apunta a problemas técnicos os fallos de conexión...

O Concello de Viveiro apunta a problemas técnicos os fallos de conexión no pleno celebrado o pasado martes

Desde o Consistorio apuntan que "somos conscientes das deficiencias que algunhas veces se producen no son das retransmisións".

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Viveiro sinala nun comunicado que a celebración este pasado martes do pleno ordinario do mes de xaneiro se permitiu a participación telemática por parte dos concelleiros, co fin de facilitar a súa asistencia, medida que se tomou desde a pandemia. Neste pleno participaron telematicamente dous concelleiros, unha delas a voceira do BNG.

Durante o pleno deste pasado martes día 10 de xaneiro, detectáronse problemas de conexión que impedían a comunicación entre os concelleiros presentes e os que participaban telematicamente. Solventada inicialmente esta cuestión, deu comezo o pleno e durante o tratamento do primeiro punto da orde do día non se produciron incidencias.

Chegado o segundo punto, a Concelleira do BNG manifestou que non podía escoitar as intervencións dalgúns concelleiros. Ante esta circunstancia, por parte da Alcaldesa, sen que ninguén o solicitase e como unha medida para garantir o desenvolvemento do pleno con total normalidade, decisiuse suspender a sesión para solventar as incidencias de conexión, pospoñendo a súa celebración.

Tendo en conta as declaracións manifestadas ao respecto tanto pola propia voceira do BNG, como polo voceiro do PP, nas que se vincula este problema técnico de conexión entre os participantes do pleno coa retransmisión dos plenos, o Concello de Viveiro sinala que “cómpre realizar varias aclaracións”.

O problema de conexión entre os participantes que sucedeu no pasado martes foi un feito totalmente illado. Dende a pandemia é habitual a conexión telemática por parte dalgún concelleiro, sen incidencias de conexión relevantes, como a acontecida no día de onte, ata o momento.

Os problemas de conexión non están relacionados coa retransmisión dos plenos, manifesta o Concello no seu comunicado. “Somos conscientes das deficiencias que algunhas veces se producen no son das retransmisións, pero é evidente que se trata de cuestións diferentes. O Concello de Viveiro vén retransmitindo os plenos, como mostra de transparencia, cos medios propios dos que dispón, sen tratarse dunha cuestión obrigada”, apuntan.

“As sesións plenarias son públicas e calquera veciño ou veciña que o desexe pode asistir; son totalmente transparentes e o goberno municipal nada ten que ocultar”. Por este motivo, “non se entenden as declaracións realizadas ao respecto da suspensión deste pleno por parte do BNG e do PP, nas que se utiliza este feito illado para sacar rédito político e acusar de falta de transparencia ao goberno municipal”.

Por último, engádese que as sesións plenarias “son a expresión máxima da corporación municipal, concebidas para o debate político e a adopción de acordos en prol da cidadanía” e “non para o uso mediático como vén facendo nos últimos tempos a voceira do BNG”. Acaban subliñando que “os plenos merecen o máximo respecto e, pola contra, as últimas sesións, coas actuacións da voceira do BNG distan moito do respecto merecido”.

ÚLTIMAS

Detido en Ribadeo o presunto autor dun roubo con forza na casa dun familiar

A Garda Civil detivo na localidade lucense de Ribadeo un veciño de Trabada, de...

A Carreira de Reis en Barreiros recadou 600€ para a asociación Saúde Mental A Mariña

A Carreira solidaria de Reis, organizada polo Concello de Barreiros, logra recadar 667 euros...

Balance positivo de ACISA da XIV Festa do Comercio en Ribadeo

Acisa fai un balance moi positivo da XIV Festa do Comercio, que reuniu o...

O 2 de marzo partirá de Ribadeo a IV Edición da Peregrinación ‘O Camiño do Mar Concello a Concello’

O vindeiro 2 de marzo partirá de Ribadeo a cuarta edición da peregrinación O...