-Agora mesmo como está atendido o Centro de Saúde de Ourol?
Isto comezou o ano pasado cando o médico titular estivo de baixa, aí xa houbo dificultades para cubrir a baixa e a continuación, xubilouse. Desde aquela, temos un problema importante de atención sanitaria aquí en Ourol. Que se está facendo? Pois un día, dous ou tres por semana vén un médico catro horas. Nunca é o mesmo facultativo nin atende urxencias nin fai visitas a domicilio. Isto leva así desde setembro ou outubro de 2024. Chegamos á situación de que houbo só un día de atención, o martes, a xente pide citas e danlles para o 17 de decembro a primeira cita, outra para o 19, o 21 e o 22 tamén.
-Contactou coa xerencia da área sanitaria ante esta situación?
Este venres contactei coa xerencia da área sanitaria para falar co señor Ares, non me puido atender pois estaba nunha reunión. Logo, sobre as dúas e media da tarde xa me chamou e comunicoume que a partir do 5 de decembro haberá, polo menos, dous médicos pero pola tarde. Terán as mesmas condicións, non atender urxencias nin visitas domiciliarias, isto é, dous días desde a semana que vén. O día nove de decembro hai médico pola tarde e máis adiante tamén haberá médico pola tarde. Iso é o que hai, temos un servizo deficitario porque con dous días á semana, catro horas cada día, sen atender determinados servizos. Isto último implica non atender persoas dependentes e con graves problemas de saúde e de mobilidade. Finalmente, din que pouco a pouco irán cubrindo o máximo número de días posible. Isto non é unha solución, hai que ter unha atención sanitaria de calidade. Se ten que ser pola tarde, pois pola tarde, se ten que ser pola mañá, pola mañá, non pasa nada, mais durante as horas necesarias porque en Ourol temos unha poboación envellecida.
-En canto ás emerxencias e ás visitas a domicilio, como se solventan?
Sobre a atención a domicilio transmitíronme que a solución é chamar unha ambulancia do 061 e levar esa persoa ao PAC de Viveiro, isto para persoas con problemas de mobilidade. No caso das urxencias xa dixen que aquí non as atenden, a xente vai para Viveiro e alí responden que non, que ao haber médico en Ourol deben atendelo aquí. Dinlles que aquí non atenden urxencias e en Viveiro empezan a atendelas a partir das tres da tarde. Así pois, cunha doenza, aínda non sendo importante, tes que ir para Burela ao Hospital sen ningún documento médico que describa a túa situación. Alí aténdente mais dinche “para que vén aquí se ten médico en Ourol?”, aínda que si te atende. É todo un círculo vicioso.
-Polo que se entende a praza de Ourol está sen cubrir. Non hai ningún médico que desexe cubrir ese posto?
Desde a xerencia responderon que a praza saíra por dúas veces e ninguén se presentara para cubrila. Algún dos médicos que vén facer as horas pola semana ao centro de saúde di que lle gustaría quedar en Ourol. Polo de agora, ninguén quedou aquí. Ao mellor deberan crear algún incentivo para a permanencia dun profesional.
-Se o Concello de Ourol quixese poñer algún incentivo, en cal pensaría?
Ao mellor axudas para o desprazamento, mais non sei até que punto un concello pode destinar diñeiro para Sanidade cando é competencia autonómica. Se o caso é engadir complementos por desprazamentos ou calquera outra cuestión, tamén pode facelo a Consellería de Sanidade, é a súa competencia. Sinceramente, non sei até que punto podemos nós crear algunha medida para incentivar iso. Se se pode facer algo dentro das posibilidades orzamentarias do Concello, si se faría, agora ben, para min é meterse en competencias que non son nosas. Isto é moi complicado e a xente está sen médico.
-Vostede mesmo pediu reunirse co xerente da área sanitaria indo con outros alcaldes?
Non, eu non pedín unha reunión. Desde Viveiro xa foron, en Muras cubriron a praza, non sei se terán algún problema comigo para brindar algún apoio. Desde logo que vou pedir unha entrevista co xerente da área sanitaria, unha petición por escrito, porque a última vez falamos por teléfono. Quero reunirme con el para ter unha explicación sobre a falta de médico, mais creo que se poñen as condicións económicas necesarias habería médico.
