-A situación do centro de Saúde de Ourol é especialmente crítica en comparación a outros centros da comarca?
A situación en Ourol é igual ao centros onde só hai un médico, ben porque é un centro cunha soa praza ou ben por ser un centro con dúas prazas e que agora mesmo só teñen un facultativo. Nun centro onde só hai unha praza de médico cando falta o profesional non o substitúen quedando esa poboación sen médico. Ourol é un lugar cunha poboación moi avellentada e con gran dispersión poboacional máis ampla que noutros lugares e isto agrava a situación. Tamén se agrava cando as persoas deben desprazarse a outros centros de saúde, teñen que coller o coche ou un taxi e a maioría das pensións agrarias e non son suficientes, sobre todo cando van derivados a Viveiro ou a Muras.
-Ante esta situación, desde a Plataforma considerades que detrás está, como din as autoridades sanitarias e autonómicas, de que non hai médicos para cubrir prazas como as de Ourol e outras iguais.
Nós cremos que isto é unha estratexia dos responsables sanitarios en Galicia, desde o partido que está gobernando a Xunta, as xerencias que está ocupadas por cargos do mesmo partido e do SERGAS dirixido por cargos do PP. É unha estratexia que aplican desde a chegada ao goberno galego e nestes momentos a atención primaria está desmantelada, os hospitais periféricos están funcionando ao mínimo con especialidades sen cubrir e derivando a Lugo no noso caso, nos centros de saúde faltan médicos e tamén comeza a ser un problema en enfermaría. Neste último sector até o de agora fan o mesmo que facían os médicos: cubrir quendas de compañeiros. Isto ao final queima ás persoas porque non ven solución. Nós cremos estar aplicando unha solución mentres non se aplica un plan de mellora na Atención Primaria, pois resulta que se lle resolves ao SERGAS o problema con parches eles non se preocuparán por facer un plan de mellora.
-A quen está beneficiando este comportamento desde o SERGAS dentro da comarca?
Estanse a beneficiar as clínicas privadas. Cando suprimiron a área sanitaria da Mariña, os grandes hospitais privados realizaron obras de ampliación nos seus edificios porque estaban a prepararse para todo canto lle derivaría a sanidade pública, os concertos que chaman eles. Cada ano invisten máis en vez de facelo no público. E as clínicas privadas colócanse en lugares onde hai negocio, non temos nada contra a sanidade privada mais os cartos públicos deben ir á sanidade pública e non para derivar á privada.
-A día de hoxe que se sabe sobre a praza que falta por cubrir en Ourol?
Neste centro de saúde houbo dous médicos mais desde hai moitos anos só está cuberta unha praza. A resposta que dan desde o SERGAS é que non hai persoal, mesmo o xerente da EOXI ten dito na prensa que se se coñece algún médico con desexo de vir para acó, avisáramos e esa persoa sería contratada en breve. Con todo, debemos dicir que esta situación agora palpable xa se sabía hai anos que ía suceder. Canto tempo tarda en formarse un médico? Poñamos unha media de 11 ou 12 anos e deberan ter feito previsións a once anos vista porque desde hai quince anos sabían que isto ía acontecer. Non fixeron nada porque a súa estratexia non é defender a sanidade pública. Tamén sucedeu aquí que un día faltou a enfermeira e non foi cuberta esa ausencia e isto vaise repetir. Houbo días que tocaba analíticas e algunhas non puideron facerse, mesmo con persoas con procesos oncolóxicos e non se atendeu á poboación como se debía.
