InicioOccidentalOurolConvocan unha concentración en Ourol denunciando a falta de médico

Convocan unha concentración en Ourol denunciando a falta de médico

A Plataforma Sanitaria da Mariña denuncia que a situación empeorou en xaneiro pois a ausencia do titular só será cuberta cinco ou seis días, quedando a poboación de Ourol sen médico o resto dos días do mes

Publicada o

- Advertisement -

A Plataforma Sanitaria da Mariña e o Concello de Ourol convocan unha concentración diante do Centro de Saúde de Ourol o vindeiro domingo 12 de xaneiro ás 12 horas. O motivo é a grave situación que atravesa este centro xa que desde a ausencia do facultativo titular, a cobertura médica só se efectúa determinados días resultando insuficiente e non garante a axeitada atención sanitaria á veciñanza de Ourol.

Esta situación de falta de facultativos ven dándose desde hai moito tempo. Cada vez que o titular se ausenta por mor de vacacións, permisos ou baixas médicas desde o Sergas tomouse a decisión de non substituílo de xeito continuado, desprazando a profesionais algún día da semana durante unhas horas. Os días nos que non había unha persoa substituta as e os veciños de Ourol eran derivados ao centro de cabeceira en Viveiro, “causándolles deste xeito numerosos prexuizos a unha poboación moi avellentada e moi dispersa que ten que desprazarse a un centro alonxado do seu territorio, sen dispoñer en moitos casos de medios propios para facelo”.

A Plataforma denuncia que a situación empeorou en xaneiro pois a ausencia do titular só será cuberta cinco ou seis días, quedando a poboación de Ourol sen médico o resto dos días do mes. Desde o Sergas tomouse a decisión de derivar aos pacientes ao centro de saúde de Muras, obrigando á veciñanza a desprazarse aínda máis lonxe e sobresaturando este centro de saúde, “con capacidade reducida e moi castigado tamén coa falta de persoal”.

A Plataforma Sanitaria da Mariña anima á poboación de Ourol e mesmo de toda a comarca da Mariña a que acudan á concentración “pois a sanidade pública cada vez está a deteriorarse máis, sen que os responsables políticos da Xunta de Galicia, da consellería e do Sergas poñan freno a esta sangría que nos afecta a todas e que se traduce nunha atención sanitaria mermada, alonxada da poboación,e de peor calidade”. A coordinadora da Plataforma Sanitaria, Montse Porteiro insiste en que o desmantelamento da Atención Primaria, ao igual que a hospitalaria, responde a unha estratexia perfectamente planificada de deterioro da sanidade pública co fin da privatización, proceso moi avanzado xa nestes anos e que nesta comarca acelerouse trala supresión da Área Sanitaria. Con estes movementos de derivación cara ao centro de saúde de Muras e cara ao HULA, no caso do hospital , estamos a “ comprobar na propia carne a falsidade das bondades da área única que tanto corearon os cargos políticos do Partido Popular da comarca en vez de defender a continuidade da nosa área sanitaria”.

ÚLTIMAS

Samuel Bouza: “Volveremos recorrer á Valedora se non se soluciona o ruído na zona vella”

-Por que nace esta nova Plataforma de Veciños e Veciñas de Viveiro? Foi unha idea...

Por Viveiro realiza contactos cos diferentes grupos locais para formar un goberno de concentración

Os independentes de Por Viveiro, reuníronse para dar conta dos contactos cos diferentes grupos...

Ribadeo centrará a súa axenda de actos nos Días de Rosalía o 8M

Teatro, danza, musicais e actividades para celebrar os Días de Rosalía e o 8M...

Viveiro será de novo protagonista en FITUR polo seu patrimonio natural e histórica

O Concello de Viveiro estará presente en FITUR co fin de promocionar e dar...