O Grupo Municipal Socialista do Vicedo conseguiu no pleno celebrado o 30 de setembro a aprobación por unanimidade da súa moción de condena das pintadas xenófobas aparecidas na Casa do Pobo e de rexeitamento de calquera expresión de odio e intolerancia.
Desde o PSdeG agradecen o apoio de todos os grupos a unha iniciativa que sitúa a convivencia e o respecto por riba das diferenzas políticas. A formación confía en que este apoio se traduza tamén nunha resposta municipal ante este tipo de feitos.
Durante a sesión, o grupo socialista reclamou tamén avances no saneamento das parroquias, que se informe a toda a Corporación dos actos institucionais e que o Concello dea difusión ás actividades organizadas nas parroquias e polas asociacións. Tamén pediu medidas de seguridade no camiño de Garavide e unha mellor organización do aparcamento do Cacheiro, cun espazo específico para motocicletas.
As preguntas formuladas abordaron a situación do Centro de Día, os trámites do Fuciño do Porco, o destino dos solares doados pola SAREB, a resposta de ADIF sobre as pontes da infraestrutura ferroviaria, as actuacións pendentes no CEIP do Vicedo e a mellora da sinalización nas parroquias.
O grupo socialista sinala tamén que, ante as preguntas sobre as necesidades do colexio, interveu a voceira do Partido Popular, nunha sesión na que habitualmente é o alcalde quen responde. A formación considera que a veciñanza merece explicacións claras e que o goberno municipal debe manter en todos os plenos un ton respectuoso e construtivo.
“Imos seguir levando ao pleno as demandas que nos traslada a veciñanza e reclamando solucións para todo o municipio”, conclúe o PSdeG do Vicedo.
