O PSdeG de O Vicedo defendeu no Pleno celebrado este mércores, 27 de maio, unha moción para a elaboración dun Plan de Mobilidade municipal e a reubicación de contedores, co obxectivo de mellorar a accesibilidade, a seguridade viaria e a organización dos espazos públicos no concello.
A iniciativa socialista formula a necesidade de analizar a situación actual da mobilidade no municipio e propoñer actuacións concretas que permitan avanzar cara un modelo máis seguro, accesible e adaptado ás necesidades da veciñanza, especialmente das persoas maiores, das persoas con mobilidade reducida e das familias.
Ademais da moción, o Grupo Socialista presentou distintos rogos relacionados co mantemento das beirarrúas e reclamou máis limpeza e conservación en zonas como Folgueiro, o casco urbano e a Rúa do Porto. Tamén solicitou medidas para reducir a velocidade nesta última vía e reforzar a seguridade viaria.
O PSdeG pediu tamén a retirada dos ferros perigosos existentes na Praia de Fomento, a mellora do acceso ao apeadoiro de FEVE de Folgueiro coa instalación dun punto de luz, a actualización do inventario municipal para aclarar titularidades viarias e evitar erros, a creación de máis zonas de aparcamento público nas praias e que todos os membros da Corporación Municipal sexan convidados aos actos institucionais.
No apartado de preguntas, o Grupo Socialista interesouse pola situación do Parque do Porto e pola permanencia de elementos perigosos sen retirar, pola ausencia de actuacións de saneamento no Plan Deputación, polo incendio rexistrado no PAI, así como polas posibles novidades sobre a antiga fábrica do Cisne e o seu cambio de actividade.
Así mesmo, solicitou información sobre a colaboración económica do Concello co Trail Fuciño do Porco, sobre as facturas e ingresos das camisetas da Romaxe Viquinga 2025 e sobre a situación real das fendas existentes no porto de O Vicedo.
A portavoz socialista, Verónica Rodríguez, sinalou que “seguiremos levando ao Pleno propostas e preguntas sobre os problemas reais da veciñanza, porque gobernar tamén é escoitar, planificar e dar respostas”.
