Desde hai xa anos podía observarse unha grande fenda no Porto do Vicedo que aumentara considerablemente, ao que tamén hai que sumarlle outra grande fenda no dique de abrigo.
Hai xa máis dun ano que o BNG denunciou esta situación no Parlamento xa que esta fenda precisaba dunha urxente estabilización por supoñer un grave problema de seguridade para o porto e para os seus usuarios, dado o uso mixto pesqueiro-náutico-deportivo que se realiza nel.
ACTUACIÓN INSUFICIENTE
A Consellería do Mar anunciou o 4 de setembro de 2024 que Portos de Galiza iniciaría nese mesmo mes as obras de estabilización do porto de O Vicedo. Anunciábase que a actuación prevista constaría de dúas fases, a primeira de inicio inmediato que consistía no asentamento do peirao que presentaba unha perda de material na base que provocou unha fenda na superficie.
Na segunda fase da obra, unha vez rematada a primeira, fíxose o seguimento da fenda para determinar a estabilización definitiva do peirao para proceder á pavimentación da súa superficie, incluíndo, así mesmo, a pavimentación de parte do vial de entrada ao porto. O investimento para a execución destas obras ascendería a 55.000€.
O PROBLEMA CONTINÚA
A día de hoxe e poucos meses despois da actuación do goberno galego, o problema segue sendo visible e palpable, xa que as obras realizadas non paliaron o problema coa fenda que volve asomar meses despois da actuación e do mesmo xeito cando a outra grande fenda segue a facerse cada vez máis grande no extremo do dique de abrigo.
Por todo isto, o deputado mariñao Daniel Castro leva varias preguntas ao Parlamento, tanto para resposta oral coma para resposta escrita e tamén unha Proposición non de Lei na que se propón que “O Parlamento galego inste a Xunta de Galicia executar as actuacións necesarias para resolver de xeito permanente a problemática nas infraestruturas do porto e do dique de abrigo de O Vicedo”
