O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que a reapertura do criadeiro de bivalvos do Vicedo, en Lugo, reforza a posición de Galicia en investigación mariña.
Un feito que, segundo indicou, tamén supón situar ao norte de Lugo como nó estratéxico de primeiro nivel dentro da rede de investigación do mar da comunidade e garantir a subministración regular de semente propia ás confrarías de toda Galicia para acelerar a recuperación das rías.
Así o destacou durante unha visita ás novas instalacións, da que informou a Xunta nun comunicado, e que se produce despois de que a planta fose reformada e retomase a súa actividade o pasado 13 de abril.
No acto, Rueda resaltou que “houbo riqueza que hai que tentar recuperar” e que sexa da máxima calidade”, en alusión ás “fortes choivas” dos últimos meses que causaron a baixada da salinidade das augas, o que provocou a morte de moitos bivalvos nalgúns bancos marisqueiros da comunidade.
Neste sentido, o mandatario galego afirmou que a Xunta seguirá traballando para que a pesca e o marisqueo sigan sendo unha das fontes de riqueza e orgullo de Galicia e para conservar paisaxes e contornas que marabilla á xente.
O titular de Executivo galego puxo en valor o traballo de moitos profesionais que levan tempo estudando o que facer para ter o “mellor marisco do mundo”, destacando a aposta da Xunta por fomentar a investigación no ámbito marítimo como alicerce para alcanzar un sector máis moderno, sustentable e competitivo, e asegurando que é “fundamental” que centros de coñecemento e profesionais de marisqueo colaboren á hora de restaurar ou mellorar as zonas de produción.
A Xunta destacou que grazas á investigación mellóranse os plans de xestión marisqueira, avanzouse na loita contra as biotoxinas mariñas e mellorouse a rastrexabilidade dos produtos do mar.
O presidente tamén lembrou que Galicia é a primeira rexión pesqueira de Europa e destacou que a Xunta aprobou un paquete de medidas –dotado de 22,7 millóns de euros– para a restauración e conservación dos bancos marisqueiros afectados por todos estes meses de tanta choiva.
Será algo máis de 19 millóns para asinar convenios coas confrarías para tarefas de recuperación de ecosistemas –con medidas como limpeza de zonas, control de depredadores ou sementeiras–, outros dous millóns para proxectos de conservación da biodiversiad mariña e 1,5 millóns para a reprobación dos bancos máis afectados.
NOVAS INSTALACIÓNS NO VICEDO
O criadeiro do Vicedo, que acaba de reabrir as súas portas e que forma parte dun proxecto no que se investirán máis de 700.000 euros, terá capacidade para producir anualmente tres millóns de unidades de ameixa -dúas de xaponesa e outro de babosa- así como doutras especies. O obxectivo é aumentar a produción propia de sementes en Galicia para posteriormente poder repoboar os bancos marisqueiros afectados por unha elevada mortalidade de moluscos.
As novas instalacións, lideradas polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) en colaboración coa Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo, compatibilizarán a reprodución e cría de moluscos con tarefas de investigación e innovación no marco do proxecto Part-Biv, que busca implicar aos mariscadores en todo o proceso desde que se obteñen as larvas ata que chega o momento de sementala nos bancos.
