No pleno ordinario que se celebra este mércores, o BNG leva unha proposta para que o concello inicie os trámites administrativos pertinentes para o deseño e o rexistro oficial das marcas municipais que indiquen servizos e actividades de promoción do concello. Así mesmo demandan que se rexistren tamén ditas marcas na OEPM nas clases correspoondentes (turismo, eventos, publicidade….) para garantir a proteccióln xurídica da propiedade industrial do concello.
Unha imaxe definida e recoñecible que nos diferencie
En palabras do portavoz municipal do BNG, Miguel Fraga “o concello de O Vicedo conta cunha riqueza patrimonial, cultural e humana que constitúe un activo fundamental para o seu desenvolvemento” motivo este polo que considera que “a proxección exterior de O Vicedo e a posta en valor dos nosos recursos requiren dunha imaxe definida e recoñecible que nos diferencie e que protexa os nosos intereses”. Neste sentido proponen a creación dun selo de calidade que profesionalice a promoción exterior do concello.
Queremos que o nome de O Vicedo sexa sinónimo de calidade
Consideran os nacionalistas que a creación e o rexistro oficial dunha marca propia na Oficina Española de Patentes e Marcas é unha ferramenta imprescindible para evitar o uso indebido do nome de O Vicedo e da súa iconografía por parte de terceiros, así como para profesionalizar a promocion turística e os produtos de proximidade baixo un selo de calidade propio.
“Queremos que o nome de O Vicedo sexa sinónimo de calidade e que os beneficios da nosa marca queden na casa e para eso é imprescindible a protección a nivel legal e xurídico en sectores claves coma o turismo, os eventos e os produtos de proximidade” concluíu Miguel Fraga.