O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE do Vicedo denuncia que o pleno celebrado onte volveu evidenciar a forma de gobernar do alcalde do Vicedo: unha actitude autoritaria, unha ausencia total de planificación cara ao ano 2026, e unha constante e improdutiva obsesión coa Deputación de Lugo, mesmo cando é esta institución a que máis está a investir no concello.
O PSdeG defendeu dúas mocións. A primeira, sobre Palestina, desde unha perspectiva humanitaria e institucional, foi emendada automaticamente polo alcalde, evitando un debate serio e rigoroso.
A segunda moción, destinada a instar á Xunta de Galicia a ter en conta ao Vicedo, reclamaba investimentos, planificación e atención ás necesidades reais do concello. A pesar de que finalmente aceptou instar á Xunta de Galicia, o alcalde fixo esta aceptación envolta na súa xa coñecida obsesión coa Deputación de Lugo, desviando o foco dunha administración autonómica que apenas investiu no Vicedo en todo o ano 2025. Incluso cando se trata de reclamar ao seu propio partido político, o alcalde insiste en introducir á Deputación no debate, demostrando que a súa fixación pesa máis que a defensa real dos intereses do concello.
O Grupo Municipal formulou varios rogos orientados a mellorar a xestión diaria: reclamouse información previa das actividades municipais, pediuse aumentar a frecuencia da recollida de enseres e solicitouse que os bandos municipais se publiquen tamén na sede electrónica.
Durante as preguntas, quedou clara a falta absoluta de coordinación e control do goberno local. “O alcalde non foi capaz de explicar ningunha actuación prevista para 2026, non deu respostas sobre o lavado dos contedores prometido, non detallou os criterios do anclaxe dos mesmos e evitou aclarar cal será a regulación das Vivendas de Uso Turístico”. Chegou mesmo a non saber enumerar correctamente as parroquias do Vicedo, algo preocupante en quen debe tomar decisións sobre obras, investimentos e servizos en todo o municipio.
Os socialistas sinalan a especial preocupación xerou a Modificación de Crédito, por máis de 300.000 euros, na que o alcalde recoñeceu que non solicitou ningunha subvención para ningunha das actuacións, financiando todo con fondos propios procedentes do remanente de tesourería. A única excepción foi a Escola do Vilar, incluída tras serlle denegada a axuda solicitada á Xunta de Galicia. Para o PSdeG, isto confirma un modelo de xestión sen planificación, sen previsión e sen aproveitar recursos externos.
