-Como describiría o que sucede co centro de saúde do Vicedo?
Considero que o problema deste centro de saúde é a difícil cobertura do mesmo. Aínda que existan dúas prazas, porque son dous cupos, ninguén quere vir para O Vicedo, iso é un problema. É coma se non houbese un atractivo para vir a este concello. Actualmente, unha das prazas está cuberta por un interino e outra está considerada de difícil cobertura simplemente porque non interesa vir. Saíron as dúas prazas e ía vir unha médica que non quixo vir por iso temos un médico interino co que estamos encantados mais cando desexe irse e así quedaremos sen médico. Por tanto, temos un médico cubrindo dous cupos e cando decida non quedar volveremos estar sen médico.
-Cando di que O Vicedo non é atractivo cales serían as accións necesarias para transformalo nun lugar atractivo para dous médicos?
Desde o Concello, porque nós facemos política local, debemos mirar de transformar O Vicedo nun lugar cómodo para atraer persoal médico. Insisto, agora mesmo ninguén quere vir mais o actual facultativo está aquí porque lle ofreceron unhas condicións moi boas que nós descoñecemos.
-Entre eses puntos de atractivo estaría a mellora das condicións de vida como ofertar unha vivenda de calidade e outros incentivos?
Este servizo préstase nun lugar cunha ampla poboación maior e se vemos que en varias ocasións as prazas ofertadas quedaron desertas continuaremos sen médico. Estamos mellor que hai dous anos? Segundo os responsables da Xerencia, si. Que temos médico? Si. Hai equidade de cupos? Si, mais dependemos da vontade do médico se é o caso de que teña un cambio na súa vida. Non podemos depender de que unha persoa diga si ou non.
-Como transcorreu a reunión coa Xerencia e que lles transmitiron?
Nós levamos adiante unha iniciativa que foi “Escoitámosvos”, unha escoita activa dos veciños para transmitírennos cales eran as problemáticas e as necesidades. Todo iso levaríamolo aos plenos, á Deputación ou onde fixese falta. Unha das preocupacións era a falta de médicos pois a xente séntese insegura debido a que é un dos servizos máis importantes que temos, é un dereito mais está no limbo porque descoñecemos o futuro sobre este punto. Hai dous anos, no mes de novembro, os veciños decidimos mobilizarnos sen politizar indo como cidadáns individuais, mais cando comezamos a escoitar os veciños decidimos pedir esa reunión coa Xerencia e realmente pesabamos que non nos atenderían. Durante hora e media falamos sobre que vai pasar, se hai seguridade agora mesmo no Vicedo con este médico interino, a quen lle baixaron os días de garda e por iso faltará menos na consulta. Despois describinlle a Ramón Ares, o xerente, que o 31 de xullo se pedía cita non habería consulta até o 8 de agosto. Nese encontro transmitíronnos que en menos de 48 horas a xente tería cita. Imos confiar a ver se é certo e se non volveremos pedir unha reunión.
-Teñen especialistas dentro do centro de saúde aí no Vicedo?
Especialidades como pediatría témolas en Viveiro.
-O actual centro de saúde dispón de todo o necesario ou sería bo unhas novas instalacións?
Se son necesarios cambios nas instalacións deberiamos falar cos médicos mais agora mesmo, insisto, a cuestión é que necesitamos médicos. De nada nos servirán instalacións mellores ou máis grandes se non hai profesionais para atendelas. Temos dúas enfermeiras e un médico, mais cando este médico colla vacacións, até ese momento, non sabemos que sucederá. Se colle días libres, creo que serían dous, a xente do Vicedo porde achegarse a Viveiro. Debo dicir que as dúas prazas existentes, unha delas sen cubrir, teñen igualdade de condicións mais a día 31 de xullo non había citas até o 8 de agosto. Desde Xerencia dixeron que é un problema da Plataforma do SERGAS e por iso é mellor ir en persoa ou chamar.
-Di que non esperaban ser recibidos mais polo que describe ao final si se puido transmitir o parecer da veciñanza.
Así é pois nós esperamos que o alcalde tomase a iniciativa de facelo. Si que o fixo en común con máis xente do PP para preguntar pola situación no verán mais considero que non é cousa só desta estación, é un problema de todo o ano e por iso os veciños e veciñas se levan manifestando durante case dous anos. O dereito a unha sanidade gratuíta e universal de calidade non se pode impartir con desprazamentos dunha poboación tan maior a Viveiro. A Xerencia transmitiunos que os dous cupos están asegurados e este médico cobra os dous cupos das dúas prazas. Tamén falaron de estabilidade mais non hai porque falta un médico. Por último, dixéronnos que fomentarían a enfermaría, sobre todo no mundo rural.
-Sobre a reunión dos alcaldes da Mariña Occidental coa Xerencia, que lles transmitiu o alcalde do Vicedo?
A nós nada, iso si, preguntámoslle se ía reunirse con alguén para buscar unha solución mais respondeu que iso “é cousa do SERGAS”. Non sabemos se se reuniu outra vez con alguén máis. Consideramos que se debe falar e dialogar e afrontar os problemas. Non podemos quedar sen médico no Vicedo.
