O municipio do Vicedo prepárase para acoller unha nova edición da súa festa máis emblemática: a Romaxe Viquinga. A cita, que este ano celebra a súa oitava edición, terá lugar o 26 de xullo na praia de San Román e promete volver transformar este recuncho da Mariña lucense nun auténtico escenario de época.
Esta celebración, que se basea na recreación histórica, foi presentada hoxe polos organizadores, encabezados polo alcalde do Vicedo, José Novo; Quique Bruxo Queiman, artista da compañía encargada das actividades; e Andrea Pousa, cantante da compañía Queiman e Pousa. Estivo tamén o deputado de Recursos Sostibles e alcalde de Foz, Fransico Cajoto, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, xa que as dúas institucións colaboran no seu financiamento.
Convertida nun dos grandes atractivos estivais da comarca, a Romaxe recrea con espectacularidade o mítico desembarco dos viquingos en terras galegas, revivindo os enfrontamentos cos habitantes locais a través de combates, representacións históricas, música en vivo e unha infinidade de actividades pensadas para todas as idades. Este ano o pregoeiro é Suso Martínez, un veciño de Viveiro gran coñecedor da festa.
O ambiente complétase coa participación activa de centos de persoas ataviadas con roupas medievais, que dan vida a esta festa na que a historia cobra forma e mestúrase coa diversión. A xornada promete ser, unha vez máis, unha inmersión total nun pasado lendario.
“A Romaría Viquinga do Vicedo é unha homenaxe á nosa historia e á nosa identidade costeira, á nosa relación ancestral co mar, coas invasións, cos encontros e desencontros culturais que nos foron conformando como pobo”, sinalou Cajoto. “Un evento que conxuga memoria e creatividade, tradición e futuro”, engadiu.
Arias, pola súa banda, subliñou a “rápida consolidación desta cita de recreación histórica, que alcanza a súa oitava edición constituída nun dos principais reclamos turísticos da Mariña”. Ao respecto, destacou “o pulo do Concello” e lembrou que “contou co apoio do Goberno galego desde o primeiro momento”.
Durante a mañá entregáronse tamén os premios do concurso de debuxo sobre a romaría viquinga no que participou o alumnado do CEIP do Vicedo.
