O Concello de Cervo será un ano máis o gran escenario da Queimada Popular, unha das festas con máis identidade da contorna, declarada de Interese Turístico Galego, que este ano celebra a súa 48ª edición o próximo sábado 22 de agosto, cunha programación que volverá mesturar tradición, cultura, espectáculo e música para todos os públicos.
Na presentación da Festa participaron a alcaldesa, Dolores García Caramés, a concelleira Mali Méndez, o edil Adrián Arias, e membros de Airiños do Xunco, que organizan a Festa en colaboración co Concello,
A rexedora destacou que “a Queimada é moito máis ca unha festa: é unha manifestación da nosa identidade, das nosas raíces e do compromiso por manter vivas as tradicións que nos definen como pobo.”
Engadiu tamén que “é un orgullo para o Concello de Cervo acoller unha celebración que cada ano reúne a milleiros de persoas e que continúa medrando grazas ao extraordinario traballo da Asociación Airiños do Xunco, que pon toda a súa ilusión e esforzo para que a Queimada siga sendo un referente cultural e festivo de Galicia, contando sempre co apoio do Concello.”
Así mesmo, puxo en valor o carácter único desta celebración, na que se combinan a ambientación tradicional, o mercado, a escenificación teatral da Queimada, o seu conxuro e unha potente programación musical.
Programa
A xornada arrancará pola mañá:
➡10:00 horas – Apertura do Mercado Tradicional de Cervo, con postos de artesanía, gastronomía e produtos locais.
➡ Ao mediodía terá lugar o pregón das autoridades e continuará a animación polos postos do mercado.
➡ Xantar popular ao mediodía nos postos do mercado con propostas para todos os públicos.
➡ 23:00 horas – Comezo da baixada cara á Praza do Souto, epicentro da celebración.
➡A continuación desenvolverase a tradicional escenificación da Queimada, unha posta en escena única que combina lume, lenda e dramatización e que sorprende edición tras edición.
➡ Tras o conxuro, procederase ao tradicional reparto da queimada entre o público asistente.
➡ A música será a encargada de pechar a noite coa actuación de A Banda do Elías, considerada a homenaxe máis fiel a Los Suaves, coa enerxía de Javi Maneiro, ex vocalista de Herdeiros da Crus, e coa animación da Discomóbil Conxuro, que prolongará a festa ata ben entrada a madrugada.
Desde o Concello de Cervo fan un chamarmento á participación na Festa “Convidamos a toda a veciñanza e ás persoas que nos visitan a achegarse a Cervo para vivir unha das festas máis emblemáticas da nosa comarca. A Queimada Popular é tradición, cultura, convivencia e unha oportunidade única para desfrutar do mellor ambiente nunha noite máxica que cada ano continúa facendo historia.”
