InicioOccidentalCervoCervo abre unha nova edición do encontro de folclore tradicional de Mistura

Cervo abre unha nova edición do encontro de folclore tradicional de Mistura

A cita, que conta colaboración do Concello, será os días 17 e 18 de xullo, na Praza dos Campos

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Cervo volverá converterse neste mes de xullo nun punto de encontro para a música e a danza tradicional coa celebración do Festival Folklórico Internacional e do *Festival Folklórico Infantil, organizados polo Grupo Folklórico Mistura de Lieiro en colaboración co Concello.

A Praza dos Campos de San Cibrao será o escenario de dúas xornadas nas que o público poderá gozar de actuacións chegadas de diferentes puntos da Península e tamén doutros países, nunha cita xa consolidada dentro da programación cultural do verán cervense.

A programación abrirase o venres 17 de xullo, ás 20:00 horas, co Festival Folklórico Internacional, que reunirá sobre o escenario á Agrupación Folklórica La Sidrina, de Lugones (Asturias), ao Grupo Folklórico Estampas de México e ao Grupo Folklórico Mistura de Lieiro, anfitrión do encontro e encargado de pechar a primeira xornada.

O sábado 18 de xullo, a partir das 19:00 horas, será a quenda do Festival Folklórico Infantil, unha cita que pon o foco no relevo xeracional e na promoción da cultura tradicional entre a mocidade. Nesta edición participarán a Asociación Folklórica Ledaiña de Bagoas da Terra, de Viveiro; o Grupo Folklórico O Feitizo, de Foz; e o Grupo Folklórico Mistura de Lieiro, que clausurará tamén esta segunda xornada.

A cita foi presentada pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, acompañada por membros do Grupo Folklórico Mistura de Lieiro, que destacou o traballo realizado para facer posible unha nova edición destes festivais, convertidos xa nun referente do calendario cultural estival do municipio.

A alcaldesa quixo agradecer o esforzo da organización, salientando que “o labor que desenvolve Mistura durante todo o ano é fundamental para conservar e transmitir o noso patrimonio inmaterial, facendo posible ademais un festival que achega a San Ciprián agrupacións de diferentes lugares e favorece o intercambio cultural”.

A rexedora destacou tamén que “estas citas son unha excelente oportunidade para seguir impulsando a cultura tradicional, dinamizar a vida social e económica do municipio e ofrecer tanto á veciñanza como ás persoas que nos visitan un espectáculo de gran calidade no que a música e a danza se converten na mellor carta de presentación de Cervo”.

O Concello anima á veciñanza e aos visitantes a achegarse á Praza dos Campos para desfrutar destas dúas xornadas de folclore, que servirán ademais como broche final das Festas do Carme de San Cibrao, pechando a programación festiva cunha proposta que aposta pola tradición, a convivencia e o intercambio cultural.

ÚLTIMAS

Cervo acolle a III Carreira de Andadura o sábado 11 de xullo

O Concello de Cervo acollerá o vindeiro sábado 11 de xullo a III Carreira...

Viveiro acelera a tramitación do PXOM mentres o PSdeG reclama transparencia nos pasos a dar

O Goberno municipal de Viveiro levará a próxima semana (o mércores 15) a un...

Barreiros aclara a cronoloxía da demolición de seis vivendas en Lóngara

Aos efectos de aclarar a situación procesual e procedimental do Concello de Barreiros no...

Presentan en Viveiro a Banda de Música Xuvenil O Landro

 A Banda de Música O Landro presentou no Concello de Viveiro a súa Banda...