O Grupo Provincial Popular logra aprobar a súa iniciativa para que a Deputación de Lugo responda ao Concello de Cervo sobre a súa proposta para a ampliación do Museo Provincial do Mar, situado en San Cibrao a pesar de que PSOE e BNG non apoian a proposta, abstivéronse no Pleno Provincial deste martes.
O Concello de Cervo trasladara recentemente esta petición á Deputación de Lugo para responder a un compromiso existente. Incluso o Concello se ofrece a ceder os terreos, unha vez que ten rematados os trámites administrativos e urbanísticos e telos incorporado ao patrimonio municipal. A proposta inclúe que sexa a Deputación de Lugo a que asuma a ampliación e xestión da mesma, do mesmo xeito que xestiona o actual dentro da Rede Museística Provincial.
O viceportavoz, Demetrio Salgueiro, explicou que “o Concello cumpriu cunha demanda de hai máis de 20 anos. Fixo un esforzo importante a nivel administrativo urbanístico e adquirindo con fondos propios do Concello a vivenda e o terreo anexo ao edificio que acolle actualmente o Museo, o máis antigo de Galicia dedicado ao mar”.
O popular afeou que “a Deputación de Lugo nin respondeu ao Concello. Ese é o interese que demostran na ampliación dun proxecto que tanto PSOE e BNG teñen reclamado en numerosas ocasións. O que pedimos é que respondan sobre a posibilidade de mellora das instalacións” do Museo Provincial do Mar. “Unha proposta aprobada polo Concello de Cervo co apoio de tódolos grupos políticos. Incluso o BNG plantexou que fora a Deputación quen adquirira o inmoble lindeiro que agora se ofrece a custe cero”.
Salgueiro asegurou que “a ampliación só requiriría de acondicionamento do interior do edificio adquirido, unha vivenda tradicional, cun pequeno investimento, moito máis económico que os convenios que aproba a institución provincial cada venres para dirixir a Concellos gobernados por PSOE e BNG”. Polo tanto, “é unha oportunidade única para unha instalación moi valorada” e “sería un exemplo de cofinanciamento e colaboración institucional”.
Salgueiro explicou que “o edificio actual, o da antiga escola que data de 1931, ten limitacións estruturais” e, neste momento, “acumula unha alta densidade de pezas de etnografía, bioloxía mariña, carpintería de ribeira, restos de caza de balea…”. E engade que “está ao límite da súa capacidade física, o que impide catalogar e seguir acollendo fondos que veciños e colectivos están dispostas a doar. Moitos deles, están almacenados por non haber espazo”.
A ampliación permitiría dotar ao museo de espazos esenciais dos que hoxe carece para exposicións temporais, aula didáctica, área de investigación ou almacéns axeitados para a conservación das pezas.
O deputado popular considera que o Museo Provincial do Mar é un polo de atracción turística especialmente nos meses de verán. Historicamente ten chegado a achegar máis de 25.000 visitantes anuais converténdose no segundo por número de visitas da Rede Museística Provincial.
