As pistas de atletismo da Veiga serán o escenario da VI Carreira Popular Maruxaina, o sábado, 18 de xullo, da man do Club Deportivo San Cibrao, coa colaboración do Concello de Cervo.
A cita deportiva, puntuable para o circuíto de carreiras Duacode Run Foz Run, foi presentada pola rexedora, Dolores García Caramés, e por varios integrantes do Club Deportivo, na propia instalación na que se celebrará o evento a partir das 11:00 horas, sobre un circuíto de 200 m para pitufos, 500 m para benxamìns, 1000 metros para alevíns, 1609 metros para infantís e cadetes e de 5000 metros para a proba absoluta; con saída e meta nas instalacións deportivas da Veiga, e que transcorrerá por un circuíto mixto, polas rúas de San Cibrao e o paseo do Torno.
As persoas interesadas en participar aínda se poden inscribir a través da ligazón https://sportmaniacs.com/…/vi-carreira-popular-maruxaina nas diferentes categorías.
A alcaldesa anima tanto aos atletas afeccionados como aos profesionais a participar nesta carreira, destacando que “é unha ocasión única para gozar dunhas instalacións deportivas privilexiadas e para descubrir o noso litoral desde unha perspectiva diferente, combinando deporte, natureza e patrimonio”.
Así mesmo, subliña que “esta proba vai moito máis alá da competición deportiva. É unha oportunidade para compartir unha xornada de convivencia, promover hábitos de vida saudables e seguir poñendo en valor a riqueza natural, paisaxística e cultural do noso concello”.
FESTAS DE LIEIRO
A parroquia de Santa Isabel de Lieiro xa está preparada para celebrar unha das citas máis destacadas do verán cervense, as Festas na Honra de Santa Isabel, que se desenvolverán do venres 3 ao luns 6 de xullo cun amplo programa festivo.
Na presentación participaron a alcaldesa, Dolores García Caramés; e os concelleiros Adrián Arias e Alfredo Fernández; xunto aos membros da Asociación Cultural Comisión de Festas de Lieiro, encargada da organización coa colaboración do Concello.
Desde o Concello de Cervo animan a veciñanza e aos visitantes a achegarse a Lieiro para desfrutar dunhas festas que cada ano reúnen a centos de persoas arredor da música, da tradición e da convivencia.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou “o enorme traballo que realiza durante todo o ano a Comisión de Festas para sacar adiante unha programación atractiva e de gran calidade”, e subliñou que “Santa Isabel é unha celebración que combina á perfección a tradición coa mellor oferta musical, converténdose nun punto de encontro para veciños e visitantes e nun excelente escaparate do dinamismo das nosas parroquias”. Ademais, agradeceu “a implicación de todas as persoas que colaboran na organización e convidou a gozar das festas, facendo que esta nova edición sexa todo un éxito, como é habitual”.
