A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e o concelleiro Adrián Arias supervisaron o inicio das obras de renovación integral do parque infantil Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, en Cervo, situado no entorno da rotonda próxima á Casa do Concello, unha actuación que supón un investimento de 261.385,74 euros, financiado integramente con fondos propios municipais.
O proxecto contempla a transformación completa das actuais áreas de xogo, mantendo a súa localización, coa substitución de todos os elementos deteriorados por novos xogos homologados, a instalación dun novo pavimento continuo de caucho de seguridade e a renovación do peche perimetral, cumprindo cos estándares máis esixentes en materia de seguridade e accesibilidade.
A actuación permitirá, ademais, ampliar a zona destinada aos nenos e nenas de maior idade, creando un espazo máis amplo, moderno e atractivo, con novas propostas de xogo adaptadas ás diferentes etapas da infancia.
Entre as novidades destaca tamén a incorporación de elementos inclusivos, favorecendo que todos os nenos e nenas poidan compartir o espazo de lecer en igualdade de condicións. Un dos grandes atractivos do novo parque será a instalación dunha tirolina, un elemento moi demandado polos máis pequenos.
Neste sentido, a alcaldesa explicou que “era unha petición que nos trasladaban con frecuencia os nenos e nenas de Cervo que utilizan habitualmente este parque. Escoitámolos, tomamos nota das súas inquedanzas e hoxe podemos dicir con satisfacción que esa demanda vai ser unha realidade”.
Dolores García Caramés destacou que “esta é unha actuación moi importante para seguir mellorando os espazos públicos destinados á infancia. O parque Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo é un punto de encontro para moitas familias e merecía unha renovación integral que garanta a máxima seguridade, accesibilidade e novas oportunidades de xogo”.
A rexedora incidiu ademais en que “apostamos por destinar recursos propios do Concello para ofrecer aos nosos veciños e veciñas instalacións modernas e de calidade. Con este investimento de máis de 261.000 euros renovamos por completo un parque emblemático, ampliando a área de xogos para os maiores e incorporando elementos inclusivos e unha tirolina que sabemos que fará as delicias dos máis pequenos”.
O novo parque contará cunha gran estrutura de aventura para os maiores, outra adaptada ás primeiras idades, novos columpios, xogos de muelle, elementos inclusivos e a nova tirolina, todo instalado sobre pavimento continuo de seguridade e cun novo peche perimetral que reforzará a protección do recinto.
Con esta actuación, o Concello de Cervo continúa avanzando na mellora dos espazos públicos destinados á infancia, dotando ao municipio dun parque moderno, accesible, seguro e preparado para responder ás necesidades actuais das familias.
