O Concello de Cervo vén de renovar o contrato de alugueiro simbólico co artesán cervense Telmo Cao, que desenvolve a súa actividade desde o ano 2020 no edificio da antiga sala de fundición de Sargadelos, un espazo histórico cedido pola administración local co obxectivo de impulsar a recuperación e dinamización dos oficios tradicionais.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, visitou recentemente o taller do artesá, onde puido constatar unha vez máis de primeira man o proceso creativo e técnico que hai detrás das súas pezas, así como admirar algunhas das súas últimas creacións, entre elas unha parra ornamental de gran complexidade realizada en aceiro inoxidable e latón, destinada a unha vivenda en Tarragona un traballo no que o artesán combina diferentes materiais e técnicas tradicionais. As unións realízanse mediante remachado, sen soldadura, e o proceso require un control moi preciso da temperatura —arredor dos 1.100 graos— para poder traballar o metal sen perder as súas propiedades. A dificultade increméntase pola diferente resposta do aceiro e do latón á calor, o que obriga a un traballo minucioso, rápido e de gran precisión, tal e como apuntou o propio Telmo Cao.
A peza, inspirada en formas naturais como as vides, inclúe múltiples detalles decorativos como follas e acios, que evidencian o alto nivel de detalle e a dedicación que caracteriza o traballo de Cao. Telmo Cao é hoxe un dos referentes da forxa artística en Galicia e en Europa, recoñecido pola prestixiosa Fundación Michelangelo a través da guía Homo Faber, que reúne aos mellores artesáns do continente. Dende o seu obradoiro en Sargadelos, elabora pezas únicas e totalmente personalizadas —como escaleiras, varandas, portas ou pérgolas— combinando funcionalidade e expresión artística, cunha clara inspiración na natureza e un profundo respecto polas técnicas tradicionais.
Durante a visita, a alcaldesa puxo en valor “a enorme calidade e singularidade do traballo de Telmo Cao, que representa á perfección a excelencia da nosa artesanía e contribúe a proxectar o nome de Cervo máis alá das nosas fronteiras”. Ademais, destacou “o compromiso do Concello coa continuidade dos oficios tradicionais e co apoio a profesionais que, como Telmo, combinan tradición e innovación para crear auténticas obras de arte”.
A rexedora subliñou tamén que “é un orgullo contar cun artesán deste nivel nun espazo tan emblemático como Sargadelos, mantendo vivo o espírito da antiga fundición e adaptándoo aos tempos actuais”.
O Concello de Cervo reafirma así o seu apoio ao talento local e á conservación do patrimonio cultural e artesanal, apostando por iniciativas que contribúan ao desenvolvemento económico, turístico e cultural do municipio.
