InicioOccidentalCervoCervo presenta a súa programación de Semana Santa xunto co tecido asociativo

Cervo presenta a súa programación de Semana Santa xunto co tecido asociativo

Desde o Concello de Cervo quérese poñer en valor o compromiso e o traballo das asociacións locais, fundamentais para facer posible unha programación variada, participativa e pensada para todos os públicos.

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Cervo presenta unha ampla e diversa programación con motivo da Semana Santa, que se desenvolverá entre o 28 de marzo e o 6 de abril, co obxectivo de dinamizar a vida social e cultural do municipio, contando coa imprescindible colaboración das asociacións locais.

A programación arrinca este sábado, coa X Foliada Nordestía en San Cibrao, organizada pola Asociación A Rebolaxe, coa colaboración do Concello, que contará coas actuacións xa entrada a noitiña de Os Carecos, Clan Maragato e Lamatumbá en San Ciprián. Ademais haberá animación musical durante todo o día, Cantos de Taberna, diversos obradoiros e un xantar popular que terá lugar na Praza dos Campos.

No ámbito cultural, destaca a representación teatral “Aire Fresco”, este domingo no Local Social de Lieiro, ás 19:00 horas, a cargo do Grupo de Teatro Ardora, organizada pola Asociación Veciños Nosa Señora de Lieiro; así como a inauguración da exposición “Baleas a flote: arte en madeira e mar” , obra de Francisco Martínez-Pin, que inclúe tamén un taller didáctico para a rapazada de Cervo Concilia. Será o mércores, 1 de abril, ás 13:30 horas, na Casa da Cultura. Non é unha mostra artística, senón o inicio dun itinerario simbólico e histórico que percorrerá os antigos portos baleeiros do Cantábrico. A obra pretende contribuír á concienciación urxente sobre a necesidade de protexer a Natureza e o medio mariño.

Reconstruíndo a nobreza dos xigantes do mar a través de materiais recuperados.

Tamén haberá o programa Cervo Concilia para axudar á familia durante as vacacións escolares, os días 30 e 31 de marzo, e 1 e 6 de abril na Casa do Mar, complementándose con actividades infantís na Praza dos Campos.

A mocidade tamén terá o seu protagonismo co guateque e bingo organizado polo alumnado de 1º e 2º de Bacharelato en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil e a Asociación de Xubilados Terramar na Casa do Mar o martes, 31 de marzo, ás 19:30 horas.

Xa o mércores, 1 de abril, terá lugar o III Festival do Guioncho, impulsado pola Asociación Cultural Comisión de Festas de Lieiro, coa colaboración municipal, consolidándose como unha cita de referencia dentro da oferta festiva local e que contará coas actuacións de El Combo Dominicano, a xira WAYKAS Survivor Tour da orquestra Waykas, e DJ Pablo Conxuro.

No eido deportivo e de lecer, destaca o alugueiro de bicicletas eléctricas en Cervo, na Praza do Souto, o 1 e o 3 de abril, en colaboración con Airiños do Xunco, e na Casa da Cultura, en San Ciprián, o 4 e o 5 de abril; así como a III Ruta Cabalar organizada pola Asociación Cabaleiros da Bidueira, en colaoboración co Concello, que terá lugar o domingo 5 de abril coa saída prevista ás 10:00 horas, do polideportivo de San Román.

As tradicións e a convivencia interxeracional estarán moi presentes coa celebración da IV Gran Festa das Xeracións, organizada por A Fume de Carozo en colaboración coa administración local prevista para o sábado 4 de abril desde o mediodía, na Praza dos Campos; e coa Pascua de Trasbar, promovida pola Asociación Burgo de Trasbar para o día 5 de abril.

Desde o Concello de Cervo quérese poñer en valor o compromiso e o traballo das asociacións locais, fundamentais para facer posible unha programación variada, participativa e pensada para todos os públicos.

O Concello anima a veciñanza e visitantes a participar activamente nas distintas actividades programadas e a desfrutar dunha Semana Santa chea de cultura, tradición e lecer.

ÚLTIMAS

Burela acolle cursos formativos para persoas estranxeiras e a preparación de probas oficiais

Burela acollerá dous cursos formativos dirixidos a persoas estranxeiras, organizados por Ecos do Sur....

ACISA integra hoxe os negocios da Praza de Abastos logo do acordo entre patronal local e Asociación de Praceiros

Acisa integra dende hoxe á Praza de Abastos de Ribadeo, tras a sinatura do...

O comité de empresa de Alcoa reclama unha reunión co Goberno ante a situación do sector do aluminio

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, en Cervo, pide unha reunión...

Conferencia ‘A cova de San Xoán Vello: novas achegas desde a arqueoloxía’ en Viveiro

Mariña Patrimonio organiza para o vindeiro mércores 22 de abril, ás 20:00 horas, na...