O Concello de Cervo acolleu esta fin de semana unha nova xornada de bautismo de mergullo na Piscina Olímpica Municipal de Lieiro, unha actividade organizada en colaboración co Centro de Actividades Subacuáticas Costalugo – Buceo Viveiro.
A iniciativa permitiu que unha ducia de persoas participasen nesta primeira toma de contacto co mundo do mergullo, nunha experiencia guiada por profesionais e desenvolvida nun entorno seguro e controlado.
Durante a xornada, as persoas participantes recibiron unha breve explicación previa sobre o funcionamento do equipamento e as normas básicas de seguridade antes de realizar a inmersión na piscina, onde puideron experimentar a sensación de respirar baixo a auga e coñecer de primeira man esta actividade deportiva.
Desde o Concello de Cervo valoran moi positivamente a acollida desta proposta, que busca achegar o mergullo á cidadanía e promover actividades deportivas vinculadas co medio mariño, tan presente na identidade do municipio.
Esta actividade enmárcase na colaboración entre o Concello e entidades deportivas da contorna para ofrecer novas experiencias á veciñanza e fomentar hábitos saudables e o coñecemento do medio subacuático.
