A Xunta, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), licitou por un importe próximo aos 3,7 millóns de euros a xestión integral das plantas de biorresiduos de Cervo, Verín e Vilanova de Arousa.
En concreto, o contrato terá unha vixencia de tres anos para que as empresas interesadas poidan presentar ofertas ata o próximo 1 de abril e inclúe os labores de operación, mantemento e limpeza destas instalacións –encargadas de tratar e transformar en compost a materia recollida de forma diferenciada a través dos colectores marróns–.
Así mesmo, contémplase a distribución e comercialización do abono obtido, “con posteriores aplicacións no sector da agricultura e da xardinaría”, segundo subliñou a Xunta nunha nota de prensa.
Estas tres plantas públicas de xestión de biorresiduos puxéronse en marcha co obxectivo de axudar aos concellos –que son os que teñen as competencias en materia de residuos de orixe doméstica– a cumprir coa lexislación vixente.
Neste contexto, as tres plantas desenvolven as distintas fases do proceso de compostaxe dos residuos orgánicos, desde o pretratamiento e a fermentación ata a maduración e o almacenamento pasando polos correspondentes tratamentos de aire e de augas.
Ademais, parte das instalacións son autosuficientes desde o punto de vista enerxético xa que contan con paneis solares fotovoltaicos, “contribuíndo desta forma á loita contra o cambio climático”.
Noutra orde de asuntos, Sogama tamén licitou un contrato para a prestación do servizo de control de pesada e mantemento de básculas do complexo ambiental de Cerceda (A Coruña), “esencial para rexistrar as cantidades de residuos que entran nas instalacións e a procedencia dos mesmos, así como dos materiais que saen con destino ás entidades de reciclaxe”.
Neste caso, a prestación do servizo será por un período de catro anos por un importe superior aos 2,2 millóns de euros e, do mesmo xeito que coas plantas de biorresiduos, as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 1 de abril.
