O Concello de Cervo continúa a avanzar no seu compromiso coa mellora dos espazos públicos e coa modernización do núcleo urbano de San Ciprián coa execución das obras de renovación da Rúa do Farillón, unha actuación clave dentro da estratexia municipal para facer unha vila máis accesible, segura e pensada para as persoas.
Esta intervención responde á vontade do Goberno local de actuar de maneira planificada e sostible sobre aquelas infraestruturas urbanas que presentaban un maior grao de deterioro, dando resposta ás demandas da veciñanza e mellorando a calidade de vida no día a día. A actuación na Rúa do Farillón permite renovar pavimentos, mellorar a accesibilidade e reforzar a seguridade viaria nunha vía de uso habitual tanto para peóns como para vehículos.
Os traballos inclúen a mellora das beirarrúas e da calzada, a renovación da sinalización e do mobiliario urbano, así como actuacións nas redes de servizos que se atopaban afectadas polo paso do tempo, garantindo solucións duradeiras.
A alcaldesa de Cervo, que visitou a zona acompañada do edil Adrián Arias, destacou que “esta actuación responde á nosa filosofía de investir con responsabilidade os recursos municipais para mellorar os espazos públicos e facelos máis accesibles, seguros e funcionais para a veciñanza”.
A rexedora subliñou que “apostamos por un modelo de vila máis humana, moderna e sostible, no que as actuacións urbanas non sexan só estéticas, senón intervencións de fondo que resolvan problemas estruturais e melloren a vida diaria das persoas”.
Así mesmo, incidiu en que “o investimento na Rúa do Farillón, xunto con outras actuacións en San Ciprián, responde a unha planificación global que nos permite avanzar paso a paso na transformación do noso municipio, aproveitando ao máximo os recursos propios do Concello”.
As obras da Rúa do Farillón forman parte dun investimento total de 302.185 euros, financiado integramente con cargo ao remanente municipal, que inclúe tamén a renovación da Rúa Rosalía de Castro.
