O Concello de Cervo pon en valor a iniciativa “Corremos xuntos, chegamos xuntos”, unha xornada deportiva e de convivencia organizada polo CEIP Península da Paz con motivo do Día Escolar da Paz, e que conta coa colaboración do Concello, coa que se pretende promover valores como a inclusión, a solidariedade e o respecto a través do deporte.
A actividade, inicialmente prevista para o pasado 30 de xaneiro, cando se conmemora o día propiamente dito, tivo que ser aprazada debido ás condicións meteorolóxicas adversas e celebrarase finalmente mañá mércores 4 de febreiro nas pistas de atletismo municipais.
A iniciativa foi presentada nun acto no que participou a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, o concelleiro Adrián Arias, e por representantes do CEIP Península da Paz, centro organizador do evento, así como por representantes dos diferentes centros educativos, entidades sociais e demais actores implicados na organización e desenvolvemento da xornada, como o CEIP de Cervo o IES Marqués de Sargadelos, o Centro de Día Residencia, Aspanane, Saúde Mental A Mariña e DJ Ovo, que se encargará de amenizar o evento, no que tamén colaboran Alcoa e LULADOM.
O programa da actividade inclúe a recepción e entrega solidaria de alimentos, a lectura de manifestos con motivo do Día da Paz, distintas carreiras adaptadas ás idades e colectivos participantes, así como unha merenda e un baile final. A xornada pecharase cun acto de agradecemento e cunha canción conxunta como símbolo de unión.
Desde o Concello de Cervo destacan a relevancia deste tipo de iniciativas, que contribúen a reforzar valores educativos e sociais fundamentais, e agradecen o labor do CEIP Península da Paz, así como a implicación de todas as entidades, centros educativos, voluntariado e colaboradores que fan posible esta actividade.
