O Concello de Cervo executou unha mellora no camiño situado no lugar da Praza, na parroquia de Castelo, unha intervención financiada con fondos municipais e que permitiu acondicionar un treito moi empregado polos veciños e veciñas da zona que conduce á fonte de Xan Ramos, moi utilizada pola veciñanza, e que agora resulta máis cómodo e accesible para o seu uso diario.
O camiño, que presentaba desgaste polo uso continuado, conta cunha lonxitude aproximada de 130 metros e un ancho medio de 3 metros, o que supón unha superficie próxima aos 390 m². Os traballos centráronse na limpeza e preparación do firme e na aplicación dunha nova capa de rodadura mediante rego asfáltico, coa finalidade de mellorar a comodidade e a seguridade do tránsito, tanto peonil como de vehículos. Ademais, realizáronse tarefas de acondicionamento xeral da contorna para garantir unha mellor drenaxe e prolongar a durabilidade da actuación.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, desprazouse ata o lugar acompañada do edil Adrián Arias e do pedáneo da zona, Jesús Otero, para supervisar os labores. A rexedora destacou que “esta é unha mellora que os propios veciños de Castelo viñan demandando, e que permitirá contar cun acceso en mellores condicións, máis seguro e máis cómodo para o uso diario, especialmente a un punto tan empregado como a fonte de Xan Ramos”.
Engadiu tamén que “desde o Concello imos seguir traballando en Castelo na mellora de pequenos camiños e de diferentes vías nesta parroquia, e en xeral no noso rural, “apostando por seguir atendendo cada punto do noso municipio, con especial atención a aqueles tramos pequenos pero moi utilizados, porque son fundamentais para o día a día da xente, da veciñanza”.
